O executivo ourensán renovará 50.000 metros cadrados de diversas zonas verdes da cidade
A Xunta de Goberno Local, acordou, na súa xuntanza desta mañá, adxudicar o servizo de mantemento e mellora de zonas verdes públicas á empresa CESPA Jardinería por un importe de 856.642,26 euros. O contrato inclúe o mantemento e conservación da totalidade das zonas verdes públicas (xardíns, espazos verdes, arborado, arborado de alcorques e xardineiras) situadas en tres distritos da cidade: A Ponte, O Couto – A Carballeira e A Cuña-Casco Vello.
Ata agora, o servizo era prestado por dúas empresas diferentes: Acciona Medio Ambiente, que se encargaba das zonas correspondentes aos barrios do Couto e A Carballeira e A Cuña-Casco Vello), e a empresa CESPA Jardinería como responsable de A Ponte.
Rematada a concesión inicial, o Concello convocou un concurso para adxudicar, neste caso conxuntamente, o mantemento das tres zonas. Ademais, como novidade, a adxudicataria do contrato asumirá a totalidade das zonas verdes de cada un dos tres distritos (antes algúns espazos seguían sendo atendidos polo Concello), incluíndo zonas como o paseo da marxe esquerda do río Miño: Paseo das Ninfas ou os paseos do Barbaña. Os outros dous distritos seguirán sendo atendidos directamente polo Concello, a través das brigadas municipais.
Presentaron a súa oferta para participar no concurso un total de 14 empresas. Unha vez avaliadas polos servizos técnicos municipais dende un punto de vista técnico e económico as súas ofertas, a mellor valorada foi a CESPA Jardinería.
Ademáis de presentar a oferta máis ventaxosa dende o punto de vista económico a oferta inclúe, sen cargo, a renovación de pavimentos brandos peonís, 51.289,57 m2, e a suministración de arborado de 950 exemplares de nova plantación, debendo realizar melloras gratuítas por importe de 429.524,55 euros segundo a descipción da súa oferta.
Expediente de responsabilidade contractual contra ECOURENSE UTE
Na mesma xuntanza, a Xunta de Goberno Local acordou requerir á adxudicataria do contrato do servizo de limpeza pública urbana, tranporte e recollida de residuos sólidos urbanos, para que ingrese nas arcas municipais 814.635,19 euros en concepto de reintegro de pagos indebidos, segundo o determinado polo informe de auditoría e o informe do coordinador do servizo e incoar o expediente de liquidación de intereses.
O Concello somete ao dictame do consello consultivo a proposta de denegar a resolución de contrato solicitada pola empresa FSS
Tralo escrito presentado pola empresa Fomento de Construcciones y Contratas SA e Corporación de Servicios Sociosanitarios UTE, solicitando por mutuo acordo a resolución do contrato de xestión indirecta de axuda no fogar, a Xunta de Goberno Local acordou, na súa xuntanza desta mañá, someter a dictame do Consello consultivo da Xunta de Galicia a proposta de resolución estimada polos informes técnicos municipais.
Os informes propoñen denegar a pretensión da concesionaria de resolver o contrato por mutuo acordo por prestarse menos horas das previstas no prego porque “non constan razóns de interese público que fagan necesario ou conveniente tal resolución”, xa que no prego non se contempla un número de horas mínimo obrigatorio.
Así mesmo os informes, que serán remitidos ao Consello Consultivo da Xunta de Galicia, propoñen denegar a pretensión de revisar o réxime económico do contrato, ao non supor unha modificación do mesmo segundo a lei e non se realizaron “actuacións que supuxeran unha ruptura sustancial da economía do contrato”.











