O executivo ourensán incrementa en 950 metros cadrados a superficie da área termal das Burgas
O Concello incrementa a superficie de titulariedade municipal no contorno das Burgas coa incorporación de tres parcelas, cunha superficie total de 947 metros cadrados. O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o xefe provincial de Ourense do Instituto Galego de Vivenda e Solo, José Manuel González asinaron esta mañá no Concello a escritura pola que o organismo autonómico cede ao Concello tres parcelas da súa titulariedade, sitas nas traseiras dos inmobles número 8, 10 e 12 da rúa do Vilar.
Os terreos forman parte da zona axardinada recentemente acondicionada polo Concello no denominado bulevar das Burgas, que comunica a rúa das Burgas coa rúa do Baño, nas traseiras do Centro de Interpretación que divulga o termalismo e os orixes da cidade. As tres parcelas suman en total 948,68 m2; a sita nas traseiras do número 12 é de 27,73 m2, a número 10 ten 701,78 m2 e a número 8 219, 17 m2.
O Concello de Ourense cedera no seu día ao Instituto Galego de Vivenda e Solo os tres inmobles, incluindo as súas hortas traseiras. O IGVS procedeu á rehabilitación dos edificios e acondicionamento como vivendas para mozos, e cedeu ao Concello os baixos, nos que se ubicou o Centro de Interpretación das Burgas.
Co acordo de hoxe, o IGVS cede ao Concello as traseiras, xa acondicionadas polo Concello como zona verde dentro do bulevar termal, e estes terreos pasan a ser propiedade do Concello a tódolos efectos, aumentando así a superficie pública municipal neste ben de intereses cultural, eixo clave do Plan Estratéxico termal do Concello de Ourense.











