O executivo ferrolán comeza a comunicar aos 30 beneficiarios a ubicación da súa vivenda
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, deu conta esta maña na Xunta de Goberno Local do reparto de vivendas no barrio de Recimil ás 30 familias que teñen adquirido este dereito segundo os criterios técnicos fixados pola comisión técnica municipal de valoración, así como das contías en concepto de aluguer que abonarán os beneficiarios. O Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela cumpre así o seu compromiso de entregar os pìsos municipais baleiros que están a día de hoxe dispoñibles en Recimil.
A entrega destes inmobles prodúcese despois de que se completaran os traballos de acondicionamento dos mesmos. Para as familias que entran a vivir, establécese un contrato de aluguer por un período máximo de 5 anos. No que atinxe ao prezo do aluguer, este oscila entre os 30 e os 100 euros mensuais, en función dos ingresos da unidade familiar, o IPREM e o número de membros desta.
A Administración ferrolá contactará esta semana coas familias adxudicatarias para informarlles das vivendas que corresponde a cada unha , o aluguer da mesma e fixar a data de firma do contrato e entrega das chaves.











