O executivo ferrolán asegura que o tanque de tormentas do parque Pablo Iglesias terá o mínimo impacto ambiental
O Concello de Ferrol insistiu hoxe en que a instalación do tanque de tormentas no subsolo do parque Pablo Iglesias, en Esteiro, terá un mínimo impacto visual e ambiental, ao tempo que lembrou as melloras a esta intervención que se teñen posto en común coas entidades veciñais, residentes nos inmobles da zona e técnicos de Acuaes. Este equipamento medioambiental enmárcase na necesidade de completar o saneamento da zona urbana de Ferrol, o que permitirá a entrada en servizo da Estación Depuradora de Augas Residuais de Cabo Prioriño (EDAR).
Así, a voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, lembrou que se concertaron varios encontros entre os técnicos do proxecto e os veciños co obxectivo de explicar e poñer en común esta actuación. Nestas reunións, os técnicos explicaron que o impacto desta infraestrutura no parque Pablo Iglesias será mínimo, posto que o tanque vai soterrado case por completo. Ademais, acordouse, como mellora da proposta inicial, ampliar o parque cunha nova zona recreativa e de xogos infantís que se suma á xa existente no espazo.











