O executivo ferrolá cifra en 73.500 persoas o número de asistentes aos festexos de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, fixo hoxe a súa valoración sobre as Festas de Verán acompañado pola concelleira de Festas, Susana Martínez Galdós, e por diferentes representantes dos sectores empresariais, de hostalería e comercio da cidade. O primeiro edil da cidade sinalou tres ideas en relación coas festas que considerou fundamentais “o apoio aos sectores empresariais, hostaleiros e comerciais de Ferrol; a gran afluencia de persoas ás mesmas; e o retorno económico que estas supuxeron para a cidade”.

Na súa intervención, o primeiro edil salientou que o obxectivo do Goberno Municipal “era, é, e será sempre organizar unhas festas para apoiar aos nosos comerciantes e hostaleiros, dous sectores moi importantes para a economía local”. Rey Varela trasladou o seu apoio a Plataforma Vive Ferrol “xa que o seu traballo non foi doado”, apuntando que “todos temos que seguir mellorando e aprendendo dos erros que podemos cometer, pero pensando que temos un obxectivo final: ter unhas festas que atraían a un gran número de persoas e que teñan repercusión económica para o comercio, a hostalería e a cidade”.

Así, o rexedor ferrolán manifestou a súa satisfacción cos resultados “foron 73.500 persoas as que asistiron directamente aos concertos nunha semana de festas, mentres que o gasto directo que repercute no comercio e na hostalería foi de 514.500 euros” –tomando para o cálculo unha estimación de gasto medio de 7 euros por persona-. Uns datos que para Rey Varela “xustifican plenamente a inversión municipal”. Ademais, o alcalde quixo agradecer o traballo das diferentes áreas do Concello implicadas na organización

Pola súa banda, a concelleira de Festas sinalou que o resultado das festas pódese medir polo gasto económico, os beneficios que xeran para a cidade e a afluencia de público ás mesmas. “Creo que cumprimos todos os requisitos que esperabamos, cun programa de festas de calidade e adaptado para todos os públicos” engadiu. Neste sentido, Martínez Galdós explicou que cada ano se quere dar un paso máis na organización dos festexos “queremos que veña xente de toda Galicia, non só de Concellos veciños”.

Por último, os diferentes representantes dos sectores empresariais, hostaleiros e comerciais de Ferrol quixeron felicitar ao Goberno Municipal polo novo modelo de xestión  dos festexos da cidade, “porque aposta pola participación dos colectivos sociais da cidade e que supuxo un importante aforro para as arcas municipais”, apuntou Cristóbal Dobarro, responsable da Asociación de Jóvenes Empresarios. Así mesmo, este representante da Plantaforma Vive Ferrol engadiu que cos recursos dispoñibles “os resultados foron brillantes e esperamos que sigan apostando por este modelo de xestión”.

16 de setembro de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.