O executivo de Ames asina un convenio con Tráfico para facilitar trámites administrativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocalLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio con Tráfico

Sinatura do convenio con Tráfico

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou coa xefa provincial de Tráfico na Coruña, Victoria Gómez Dobarro, a adhesión do Concello ao convenio subscrito entre a Xefatura Provincial de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e a mutua colaboración administrativa. O obxectivo deste convenio é facilitarlle aos veciños e veciñas a realización de trámites relacionados cos permisos de condución e circulación. Na sinatura tamén estivo presente o responsable da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez Freire.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que en virtude deste convenio “establécese un novo servizo e cando os cidadáns acudan a empadroarse ao Concello os trámites que se poderán solicitar nos rexistros municipais de Milladoiro e Bertamiráns serán os seguintes: o cambio de domicilio no permiso de condución e no permiso de circulación. Deste xeito, evitaranse as molestias de desprazamento ata Santiago para facer estas modificacións en Tráfico”. Estes trámites son de carácter gratuíto e ofrécenlle ao cidadán a posibilidade de realizalos deste o seu concello sen necesidade de desprazarse.

Este convenio súmase ao asinado coa Dirección Xeral de Tráfico no mes de febreiro e no que se fixaba o marco básico de colaboración entre o Concello e a entidade e que incluía unha addenda para a cesión de vehículos ou de equipos medidores, como etilómetros, cinemómetros ou medidores de potencia.

Seguridade viaria en zonas escolares

Con motivo da sinatura deste convenio o alcalde de Ames, a xefa provincial de Tráfico e o responsable da Policía Local mantiveron un encontro no que abordaron diferentes cuestións sobre a seguridade viaria no municipio. Neste encontro, o rexedor trasladoulle a preocupación do Concello pola seguridade viaria no entorno dos centros educativos amienses, especialmente no de Barouta.

Santiago Amor trasladoulle a Victoria Gómez Dobarro que na estrada que discorre nas inmediacións do centro educativo, a AC-543, rexístrase un importante volume de tráfico e queixas por exceso de velocidade, polo que lle solicitou que se leven a cabo as actuacións que sexan necesarias para garantir a seguridade viaria nesta zona e noutros puntos do municipio.

12 de setembro de 2013 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.