O executivo coruñés destina 330.000 euros á Fundación Secretariado Xitano
O Concello da Coruña, a través da área de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa da firma dun convenio entre o Goberno Local e a Fundación Secretariado Gitano co obxectivo de favorecer a integración social e laboral da comunidade xitana.
O acordo considera unha subvención nominativa por importe de 330.000 euros para a intervención social integral para a atención, prevención da marxinación e inserción do pobo xitano, atendendo particularmente ás súas necesidades en materia de vivenda e integración comunitaria. Desta forma, a Fundación Secretariado Xitano comprométese a realizar diferentes actuacións para lograr a incorporación das antigas familias chabolistas e itinerarios de inclusión social e inserción laboral; a realización dos devanditos itinerarios individualizados que inclúan a adquisición de destrezas básicas de convivencia e de competencias profesionais; accións de educación familiar e acompañamento social; labores de intermediación no mercado inmobiliario; e a sensibilización e apoio da poboación coruñesa.
Con estas medidas o Concello da Coruña segue apostando por fomentar a igualdade de oportunidades para todos os veciños a través da inserción social e laboral con itinerarios individualizados; ademais de favorecer a convivencia veciñal e o acceso das familias aos recursos normalizados no ámbito da vivenda, a educación e o emprego.











