O establecemento Comercial Queijo é distinguido na campaña “A semana do teu comercio”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocalLocal PortadaProvincias
A-
A+
Entrega da distinción ao propietario

Entrega da distinción ao propietario

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, distinguiron esta mañá a traxectoria da tenda de electrodomésticos ‘Comercial Queijo’, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o Centro Comercial Urbano rúa Barcelona.

Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan. Este é o caso de ‘Comercial Queijo’, que comezou a súa andadura no pequeno comercio coruñés en 1957 da man de Antonio Queijo Muíño.

Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria vén de conceder axudas por preto de 100.000 euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCA da Coruña, sendo o Centro Comercial Urbano Rúa Barcelona un dos beneficiarios, xunto con Distrito Mallos e Zona Obelisco CCU, con 33.000 euros cada un.

No acto, no que tamén participou a concelleira de Comercio da Coruña, María Luisa Cid, Sol Vázquez subliñou a importante labor da asociación da rúa Barcelona, que naceu hai máis de 20 anos coa finalidade de aglutinar o comercio de proximidade e os servizos da zona baixo unha mesma marca, na posta en marcha de diferentes iniciativas e servizos de dinamización do comercio de proximidade.

Desde comezos de ano, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 8,5 millóns de euros a liñas de apoio ao pequeno comercio así como ao incentivo das vendas, impulsando o asociacionismo, promovendo a incorporación das TIC, ou apoiando os concellos na renovación das infraestruturas comerciais.

24 de setembro de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.