publicidade hoxe

O espectáculo ‘Rosalía Pequeniña’ chega a Tui, Cuntis e Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBriónCuntisPontevedraProvinciasTui
A-
A+

A música e a poesía do concerto musical familiar “Rosalía Pequeniña”, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, continúan o seu periplo polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A iniciativa, que pretende dinamizar o idioma por medio da poesía cantada e achegarlle os poemas máis coñecidos da gran poetisa do Rexurdimento galego aos mais novos da casa, chegará desde hoxe e ata sábado aos concellos de Tui, Cuntis e Brión.

Trátase dunha proposta integrada no programa de dinamización lingüística “FalaRedes” coa que a Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad quere facer partícipes aos concellos da RDL da conmemoración do 150.º anos da publicación de “Cantares Gallegos”. Nela, Uxía e Sérgio Tánnus adaptan letras tan emblemáticas de Rosalía de Castro como “Maio Longo” ou “Como chove miudiño” nun amplo e variado repertorio que combina muiñeira, blues ou o rock.

Este mesmo serán, o concerto chegará a Tui, cunha sesión prevista para as 20:00 horas na Igrexa de Santo Domingo. O xoves, a actividade recalará en Cuntis, onde se poderá gozar ás 19:30 horas na Casa da Cultura. Xa na fin de semana, o sábado, “Rosalía Pequeniña” fará parada en Brión, onde ofrecerá un concerto para toda a familia ás 12:00 horas no Centro Social Polivalente. Esta actividade é sempre de balde e con entrada libre ata esgotar aforo.

A xira de concertos chega ao ecuador

Dende a súa posta en marcha no mes de maio, “Rosalía Pequeniña” achegou os versos musicalizados da máis grande poetisa galega a un total de 20 municipios galegos, aos que se sumarán, a partir de hoxe, outros tantos concertos ata final de ano. En concreto, e nesta primeira quenda de actuacións, a actividade de dinamización lingüística chegou a Pontecesures, Ferrol, Dodro, Mos, Ponteceso, Xunqueira de Espadanedo, Melón, Sobrado, Teo, Val do Dubra, Miño, A Pontenova, Palas de Rei, Betanzos, Xove, Dumbría, Forcarei, A Lama, Marín e Cerdedo.

Logo das actuacións previstas para esta semana en Tui, Cuntis e Brión, “Rosalía Pequeniña” continuará co seu itinerario en Fene, A Baña, O Vicedo, Neda, Ponteareas, Toques, Cariño, Mondariz-Balneario, Carballedo, Campo Lameiro, Pontedeva, Cangas, Carnota, Laxe, Lousame, Baiona e A Pobra do Brollón.

‘FalaRedes 2013’

“Rosalía Pequeniña” conforma, xunto con outras catro actividades, o programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística como complemento á programación propia da RDL. Os principais obxectivos destas cinco iniciativas son os de crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos. Tamén intenta reforzar o uso do galego entre galegofalantes, proporcionándolles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona, cumprindo así coas directrices emanadas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Ademais do concerto “Rosalía Pequeniña”, que continúa de xira, a segunda edición do programa “FalaRedes” contou co musical “A nena e o grilo nun barquiño”, que achegou a música en galego a 16 municipios da RDL e as xincanas lingüísticas de “Augalingua”, coas que se impulsou, nun contexto lúdico, o uso do galego nas piscinas municipais e praias fluviais durante o verán.

No mes de outubro volverá á RDL a actividade “As pombas de Carboeiro”, onde partillan protagonismo os actores que a representan e as bandas de música que os acompañan. Ademais, nas vindeiras semanas darase a coñecer a última actividade que conforma “FalaRedes 2013”.

10 de setembro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.