O departamento de viarios ferrolá repasou 67 tramos de rúas
A Concellería de Servizos do Concello de Ferrol, que dirixe Borja Carro Muñoz, informou hoxe sobre as actuacións de reforzo en mantemento de viarios e beirarrúas acometidas do 26 de agosto ao 6 de setembro nos barrios de A Magdalena, Canido, San Xurxo, Caranza, Catabois e Ensanche B. Estas tarefas levadas a cabo polos operarios de Misturas S.A –empresa adxudicataria do servizo- súmanse ás feitas en cada unha das zonas antes citadas con motivo do Plan de Barrios posto en marcha polo Goberno Municipal que dirixe José Manuel Rey Varela. Así as cousas, as intervencións de conservación de infraestruturas municipais, que se están facendo de maneira paralela ao desenvolvemento do Plan de Barrios, permiten cubrir deficiencias pendentes e novas peticións veciñais.
No que atinxe ao barrio histórico, as actuacións acometidas polos operarios da empresa adxudicataria se centraron na reparación de beirarrúas en 4 tramos e en traballo de adoquinado nun tramo, todos elas na rúa Igrexa. Ademais, no centro da cidade tamén se realizaron traballos de reposición de lousas, en aproximadamente 55 metros cadrados, na zona do mercado de A Magdalena. Ademais, as intervencións en Canido foron executadas nun total de 35 treitos: na rúa Doutor Fleming (29 treitos de arranxo de beirarrúas e 2 de traballos de formigonado); na rúa Almendra (1 treito de formigado); na rúa Real Alta nº 16 (2 treitos de reparación de beirarrúas); e na rúa Alonso López (1 treito de mantemento de aglomerado). Na parroquia de San Xurxo, as cuadrillas do servizo municipal realizaron traballos de formigonado nun treito da estrada de San Xurxo.
Caranza, Catabois e Ensanches.
Por outra banda, os operarios de “Misturas S.A” acometeron un total de 14 treitos de actuacións na zona de Caranza. As intervencións responden a traballos de formigonado en 2 tramos e de reparación de beirarrúas en 6 treitos, todas elas na rúa Masaya cruce coa Avenida do Mar. Así, os traballos de arranxo de beirarrúas tamén se estenderon a 6 treitos da rúa Masaya nº1 con Vila do Conde.
No que atinxe á zona de Catabois, as cuadrillas que acometen esta prestación municipal realizaron actuacións de mantemento no pavimento de 8 tramos da travesía O Mirador – Catabois. Por último, tamén foron executados traballos no aglomerado en un total de 4 treitos da rúa Nova Caranza no cruce coa rúa Venezuela, situada no barrio do Ensanche B.











