O departamento de medio ambiente lalinense realizará unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas
O responsable municipal de Produción e Actividade Agraria e Medio Ambiente sinala que o próximo luns dará comezo en quince parroquias esta iniciativa, que continuará en próximas semanas ata chegar á totalidade delas, nunha segunda volta do programa que ten lugar tras un primeiro plan de recollida desenvolto a pasada primavera con gran acollida
O concelleiro de Actividade e Produción Agraria e Medio Ambiente, Manuel Fernández López, anuncia que o próximo luns, 16 de setembro, a Oficina Agraria do Concello de Lalín iniciará unha nova campaña de recollida de plásticos de silos e de invernadoiros para que poidan desfacerse dos plásticos sobrantes ou xa usados nas súas explotacións.
O responsable municipal concreta que nesta ocasión a campaña se estenderá, ao igual que a primeira fase desenvolta na primavera pasada, á totalidade das parroquias lalinenses co obxectivo de sensibilizar a promoción da reciclaxe no rural, así como a concienciación ambiental. Iniciarase o vindeiro luns 16 de setembro nunha quincena de parroquias para ir dando continuidade en datas vindeiras ata completar as 51.
Fernández López precisa que “durante os días 16, 17 e 18 os/as veciños/as das parroquias de Catasós, Vilanova e A Xesta poderán depositar estes residuos no punto habilitado para deixar estes materiais xunto ao centro social da Xesta”.
Barcia, Anseán, Gresande e Cristimil terán este servizo na cooperativa Campodeza e Soutolongo, Botos e Moneixas na cooperativa de Botos. A veciñanza de Zobra, Lebozán e Vilatuxe deberán deixar os silos agrícolas xunto aos centros sociais de Vilatuxe e Lebozán e, por último, Lodeiro e Doade, no aparcadoiro da igrexa de Sampaio.
O edil subliña que a recollida destes residuos altamente contaminantes por parte da empresa xestora está fixada para todas as parroquias para o xoves, 19 de setembro. Sinala a importancia da colaboración cidadá para que esta iniciativa desenvolta pola Concellería de Actividade Agraria e Medio Ambiente, a través da Oficina Agraria, chegue ao maior número de veciños/as posible despois da importante acollida que tivo a campaña desenvolta a pasada primavera e na que se recolleron máis de 47 mil quilos de plásticos nun total de 14 puntos de recollida na totalidade das parroquias.
“Deste xeito o vindeiro luns iniciaremos tal como xa anticiparamos ao remate da primeira fase deste programa unha nova campaña de recollida, coa esperamos con ela alcanzar resultados tan satisfactorios como hai uns meses”, afirma. “A fin de facilitar que esta iniciativa chegue ao maior número de persoas estamos colocando carteis informativos na totalidade das parroquias nas que se vai desenvolver explicando as normas de recollida dos plásticos e silos”, puntualiza.
Os ditos residuos deberán estar atados en fardos, non poderán levar restos de terra, herba ou calquera outro material e así mesmo está prohibido depositar garrafas de plástico; tan só plásticos de silo.
“A través desta iniciativa axudamos a conservar o noso rural e contribuímos a unha maior protección medioambiental, pois estes plásticos causan unha enorme contaminación se se depositan no campo”, remarca.
Manuel Fernández fai fincapé en que os gandeiros aproveiten para deixar todos os plásticos os días sinalados para a súa oportuna recollida, xa que unha vez finalizada esta segunda volta -que continuará en datas sucesivas ata completar as 51 parroquias- non se poderán realizar máis descargas destes residuos ata novo aviso por parte do Concello, agás no punto limpo situado no Polígono Lalín 2000 no que poden facer entregas destes materiais ao longo de todo o ano, de luns a venres. E insiste que ante calquera dúbida as persoas interesadas chamen á Oficina Agraria do Concello de Lalín: 986 18 10 38.
Avanza que cara finais de ano ou comezos de 2014 se ten previsto continuar con esta iniciativa de boas prácticas agrícolas e medioambientais, a través dunha terceira fase de recollida destes residuos.











