O departamento de limpeza municipal acometerá subsidiariamente a adecuación dos solares que non cumpren a lei de incendios
O Concello da Laracha comezará nos próximos días a acometer, subsidiariamente, a limpeza de fincas, solares e parcelas privadas que non se atopen en bo estado de conservación e ornato público e, por tanto, que non cumpren o establecido pola Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
Desde o pasado mes de maio o Concello da Laracha desenvolveu unha campaña informativa e notificou dita situación aos propietarios das fincas, aos que se trasladou os correspondentes requirimentos para realizar eses traballos.
No caso das parcelas nas que non se acometeron ditas labores de limpeza, será o propio Concello o que se faga cargo dos traballos, debendo asumir o propietario o seu custe e existindo, ademais, a posibilidade de impoñer sancións administrativas que poden ir dos 300 aos 6.000 euros.
Deste xeito, o Concello da Laracha executará as funcións administrativas correspondentes para a prevención de incendios e o mantemento do ornato público, con especial atención aos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) como ás zonas residenciais das parroquias.
Estas actuacións municipais lévanse a cabo na época do ano na que existe un maior risco de incendios e ante o estado de abandono de determinadas fincas provocado, na maioría dos casos, pola desidia dos seus propietarios.











