O departamento de emprego e empresa da Coruña lanza diversos programas para dinamizar o comercios na Agra do Orzán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello, a través da área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, sacou a concurso tres proxectos para dinamizar o comercio no Agra do Orzán. Trátase dos programas Tiendas a Exame, Tendas Pop-Up e do Servizo de Consultoría en Relevo Xeracional. O principal obxectivo das tres accións é mellorar a calidade do comercio da zona, frear o peche de negocios e fomentar a creación de novos establecementos que permitan rexenerar e reactivar o barrio.

Luisa Cid explicou que os tres proxectos se realizan a raíz das conclusións dun estudo sobre o Agra do Orzán que advirte da necesidade de introducir cambios para impulsar o pequeno comercio. Así, o informe establece como puntos débiles a carencia no uso das novas tecnoloxías e en técnicas de promoción. Tamén a existencia dun “risco real” no relevo xeracional, xa que moitos negocios non consideran esta posibilidade. “A gran fidelización do cliente, a boa fama comercial do barrio e a súa situación, moi ben situado e transitado, son os seus puntos fortes”, indicou o tenente de alcalde de Emprego e Empresa.

Cid precisou que unha vez analizados todos estes aspectos, o Concello decidiu poñer en marcha estes programas incluídos no Plan Urbana-C, que aposta por estratexias innovadoras sempre deseñadas dende un enfoque global, “para facer o barrio máis moderno, dinámico e atractivo”. Tendas a Exame, Tendas Pop-Ups e Relevo Xeracional teñen en común, por tanto, o seu carácter innovador e o seu custo total ascende 381.000 euros. As liñas básicas dos proxectos son as seguintes:

Tendas a Exame

O obxectivo do programa é identificar os puntos fortes e débiles dos comercios co propósito de resolver as súas carencias e achegar solucións viables para relanzar os negocios. Así, un coach experto en comercio minorista examinará polo menos 25 establecementos do Agra do Orzán durante seis días. O experto estará xunto ao comerciante de luns a sábado ao longo de toda a xornada laboral e analizará in situ cales son as carencias do negocio, as súas posibilidades, ademais das aptitudes e capacidades do propio comerciante. Finalizados os seis días, o consultor emitirá un diagnóstico baseándose en factores como actividade comercial, análise de mercado, imaxe, aptitudes do comerciante, estratexias comerciais e de promoción ou servizos ao cliente.

Tras esta análise, poñeranse en marcha accións específicas e individualizadas dende distintos ámbitos (mercadotecnia, económica, fiscal, xurídico, compras, loxística…) en función de cada caso, acompañadas de accións de orientación e mellora da imaxe do establecemento mediante asesoramento en escaparatismo e marchandizaxe e farase un seguimento para mostrar o antes e o despois do establecemento examinado.

Todos os comercios do Agra do Orzán poderán optar a participar no proxecto, precisou a responsable de Emprego e Empresa. Así, a selección dos participantes farase de forma que ninguén quede excluído, polo que a empresa adxudicataria deberá visitar os comercios do barrio e organizar, se é necesario, sesións en grupo para presentar o programa aos potenciais usuarios do programa. O equipo técnico do Programa Tendas a Exame estará formado por oito persoas: catro titores expertos en comercio e por outros catro especialistas nas seguintes áreas: mercadotecnia, escaparatismo, económica, xurídica e fiscal, compras/loxística e xestión da innovación.

Tendas Pop-Up ou temporais

O seu obxectivo é buscar fórmulas para fomentar o autoemprego e o emprendimiento, apostando pola diferenciación e a innovación, pola creación de negocios distintos e orixinais que amplíen a oferta comercial do barrio facéndoa máis dinámica e atractiva. “É unha tendencia que se fai a nivel mundial para dinamizar un barrio aproveitando locais baleiros”, subliñou Luisa Cid. Consiste en montar tendas temporais -poden permanecer días ou semanas- en baixos baleiros nunha determinada zona do barrio. En todo caso, a adxudicataria deberá captar como mínimo 40 proxectos e poderán participar todos os comercios que queiran presentar de forma diferente os seus produtos ou diversificar a súa actividade, ademais de emprendedores que desexen montar un negocio.

Os participantes aprenderán estratexias de xestión e mercado e tamén accións de dinamización con eventos (talleres, desfiles, exposicións de arte, fotográficas…) nos baixos comerciais xa decorados e adaptados para este tipo de actos. A acción inclúe, por outro lado, campañas de difusión e captación no barrio para fomentar a participación e a implicación dos veciños.

Relevo Xeracional

O Servizo de Consultoría en Relevo Xeracional pretende evitar o peche de negocios a través da creación de bolsas de traspaso onde se incluirán os establecementos que teñan intención de pechar ou traspasar o seu negocio a curto prazo. O programa consiste en crear ferramentas e recursos que faciliten o relevo a través da implantación de condicións vantaxosas para o propietario e o emprendedor. A bolsa de traspasos estará dispoñible en Internet.

Os emprendedores que se fagan cargo destes establecementos incluídos na bolsa de traspasos poderán realizar accións formativas dun mínimo de 20 horas. Serán talleres de formación en asesoramento técnico, en estudos de viabilidade e en plans de transmisión de negocios, entre outros.

A empresa adxudicataria deberá impartir un mínimo de 25 clases en relevo xeracional nas que participarán tanto os comerciantes que vaian abandonar a súa actividade coma os emprendedores que se fagan cargo do negocio. Luisa Cid precisou que os proxectos deberán estar en marcha a principios de 2014.

10 de setembro de 2013 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.