O departamento de educación mosense organiza unha actividade extraescolar gratuíta de motivación e técnicas de estudio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

A concelleira de Educación, Kely Monzón, informou hoxe de que estará aberto ata o día 10 de outubro o prazo de inscrición na actividade extraescolar “Divírtete aprendendo”, dirixida ós alumnos e alumnas de 5º e 6º cursos de Educación Primaria. Consiste nun obradoiro de motivación e técnicas de estudio para mellorar o rendemento académico dos estudiantes que o realicen. Ten como finalidade fomentar o interese cara a  actividade do estudio e mellorar o uso das técnicas que permiten acadar o éxito académico.

Este programa vai dirixido ao alumnado escolarizado nos centros educativos do Concello de Mos e que estea preferentemente empadroado neste mesmo Concello.

O programa levarase a cabo en 7 sesións, de 90 minutos cada unha, ao longo dos meses de outubro e novembro. Estas sesións terán lugar a partires do 14 de outubro, todos os luns en  horario extraescolar, de 16:30 a 18:00 h. As datas concretas serán 14, 21, 28 de outubro e 4, 11, 18, 25 de novembro. A actividade desenvolverase nas aulas do Multiusos das Pozas e é totalmente gratuíta.

Sobre esta iniciativa Monzón declaraba esta mañá que “tendo en conta os bos resultados obtidos na realización desta mesma actividade cos escolares da Educación Secundaria Obrigatoria, e trala petición por parte dos propios centros educativos dun apoio extraescolar para ó seu alumnado, decidimos propor o taller de motivación e técnicas de estudio, para o alumnado de 5º e 6º da Educación Primaria. Con esta actividade, pretendemos, entre outros moitos aspectos, a prevención do fracaso escolar; xa que moitos rapaces e rapazas chegan ó instituto con hábitos e valores adquiridos moi prexudiciais para poder alcanzar o éxito académico. Canto antes se poida actuar dende o reforzo educativo, máis posibilidades de obter o éxito na vida académica dos escolares mosenses” explicou a edil.

Os obxectivos desta actividade extraescolar son favorecer a motivación dos/as alumnos/as cara os estudios, e promover a adquisición dos hábitos e técnicas de estudio temperás que permitan acadar o éxito académico, diminuíndo así o risco de abandono, desinterese ou fracaso escolar; facilitar o autocoñecemento dos/as alumnos/as no referente ós seus propios intereses e aficcións, promover a reflexión sobre a actividade do estudio e os beneficios que proporciona sobre a persoa que a realiza, favorecer a busca de obxectivos persoais e o establecemento dos pasos necesarios para acadar os nosos obxectivos, fomentar bos hábitos de organización e planificación do estudo, e adquirir as técnicas de estudo necesarias para desenvolver a tarefa académica con éxito.

As persoas interesadas en participar neste programa deberán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou a través do correo electrónico: omix@concellomos.es. A folla de inscrición poderase recoller na OMIX, no Rexistro Xeral do Concello de Mos, ou ben  descargándoa da web do Concello: www.concellomos.es .

19 de setembro de 2013 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.