O departamento de cultura e deportes de Cabanas fixa a programación do novo curso de actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O Concello de Cabanas a través da súa Concellería de Cultura e Deportes xa está a traballar no programa de actividades para o vindeiro curso 2013-2014. Como todos os anos, o consistorio municipal ofertará á súa veciñanza un amplo programa con actividades tanto dirixidas a un público adulto como infantil e cunha gran variedade cultural e deportiva. O prazo de inscrición para poder tomar parte nas mesmas rematará o venres 20 de setembro. As clases empezarán pola súa parte a principios do mes de outubro.

A Concellería de Cultura e Deportes traballou para conseguir ofertar un variado programa que poida satisfacer as inquedanzas de todos os veciños. Desta forma manterase na súa totalidade o ofertado o ano pasado con algunha incorporación. Dentro das actividades deportivas ofertarase por tanto ximnasia terapéutica e de mantemento, aerobic, psicomotricidade, predeporte, multideporte, fútbol sala, pilates, ioga, tenis, padel e judo. Como novidades neste apartado ofertaranse clases de taichi terapéutico e zumba. Tamén será novidade para este próximo curso os adestramentos en kayak, que se farán en colaboración co Club KDM de Cabanas todos os sábados de 11:30 a 13:00 e os domingos de 12:30 a 140:00 horas.

No tocante ás actividades culturais, o programa ofertado contempla cursos de pintura, bolillos, bordado, bailes de salón, inglés, manualidades e corte e confección. Tamén continuará funcionando un ano máis a Escola Municipal de Música, dentro da cal se ofertaran os cursos de iniciación á música, linguaxe musical, piano, guitarra, violonchelo e coro.

Quen desexe obter máis información acerca destas actividades ou facer a inscrición nas mesmas, poderao facer no Departamento de Cultura e Deportes de Cabanas, ben telefonicamente no 981 49 59 59 o por correo electrónico á dirección cultura@cabanas.dicoruna.es.

17 de setembro de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.