O cruceiro “Music” con máis de 3.000 pasaxeiros a bordo, recala en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocalLocal PortadaProvincias
A-
A+
VIsita do rexedor ao cruceiro

VIsita do rexedor ao cruceiro

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, deu hoxe a benvida aos membros da tripulación e aos pasaxeiros do cruceiro “Music”, da navieira MSC Cruises, que atracou no porto ferrolán ás 08:00 horas. O primeiro edil estivo acompañado polo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño Anca; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo; a concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga; e diferentes autoridades e o director xeral de MSC Cruceros, compañía que fai por primeira vez escala en Ferrol.

Rey Varela sinalou que “hoxe é un día importante para Ferrol”, e explicou aos responsables da naviera e mandos do cruceiro que “Ferrol é considerada a cidade do mar porque foi a cidade elixida pola Coroa para a reconstrución da Armada no século XVIII polo seu estratéxico enclave xeográfico e a súa magnífica ría”. Unha realidade que, tal e como destacou o alcalde, “os pasaxeiros deste cruceiro puideron comprobar cando entraron na bocana da ría entre castelos, o que supón unha magnífica forma de ter unha primeira visión da cidade e do que nos fai singulares: os estaleiros e o Arsenal”. Neste sentido, Rey Varela referiuse á posta en marcha da Ruta da Construción Naval e á posibilidade de que incluír este itinerario industrial durante as escalas dos cruceiros.

Por último, o rexedor ferrolán destacou a labor de captación de cruceiros que está a facer a Autoridade Portuaria, e que permitirá que o vindeiro ano cheguen á cidade máis de 40.000 turistas a bordo dos 20 buques que, a día de hoxe, teñen previsto arribar na dársena de Curuxeiras. “Hoxe xa podíamos ver moitos turistas paseando polas rúas da Magdalena quitando fotos ás nosas prazas e monumentos emblemáticos”, dixo o alcalde, quen destacou a importancia que a consolidación do turismo de cruceiros ten no comercio, a hostalería, empresas de servizos e relacionadas co ámbito turístico da zona.

12 de setembro de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.