O convenio con Carballo para mellorar os accesos ao polígono resulta aprobado por unanimidade
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, anunciou que o proceso de contratación das obras incluídas no proxecto de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a estrada DP-1909, que promoven conxuntamente os Concellos da Laracha e de Carballo, se iniciará o próximo luns despois de ser aprobado hoxe polo Pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria e de xeito unánime, a constitución da agrupación dos municipios e o convenio de colaboración para a execución das obras. Precisamente un dos acordos é que A Laracha sexa o municipio encargado da contratación.
Esta actuación, valorada en 229.000 euros, será financiada nun 78% pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia con fondos da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, subvención solicitada de xeito compartido por A Laracha e Carballo por ser este un dos criterios de valoración.
A agrupación de municipios e a sinatura do convenio de colaboración foi considerada por ambos gobernos municipais a fórmula máis sinxela e eficaz das previstas pola normativa vixente, xa que posibilitará que os dous fosen, ao mesmo tempo, beneficiarios da mesma subvención, solucionando así a problemática derivada da imposibilidade legal de exercer as competencias fóra do termo municipal.
O proxecto inclúe a completa pavimentación dos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica os lugares de A Xesteira (parroquia de Lendo, A Laracha, no acceso ao polígono industrial) e Castelo (carballesa parroquia de Vilela). Ademais, contémplase a ampliación da plataforma da calzada en determinados puntos, alcanzándose unha anchura en certos tramos de ata 6,30 metros, e tamén a realización das canalizacións para a recollida de augas pluviais.
O alcalde salientou a importancia de promover proxectos conxuntamente con outros municipios para “compartir gastos e aumentar a puntuación nas convocatorias de axudas por parte das diferentes administracións”. López Varela lembrou que actualmente se traballa con Carballo no proxecto de soterramento de liñas eléctricas en A Piña e, con Arteixo, no obradoiro de emprego recentemente aprobado pola Xunta de Galicia, así como nun programa relacionado co aforro enerxético.











