O concurso fotográfico para o calendario municipal recibiu máis de 100 imaxes
O Concello da Coruña informa do interese que suscitou entre os cidadáns o concurso fotográfico do calendario municipal 2014. O Goberno local xa superou as máis de 100 fotografías recibidas en apenas catro semanas. O prazo de presentación aínda continuará aberto ata o próximo 5 de outubro.
O Concello seleccionará de todas as fotografías presentadas ao concurso as 12 imaxes da Coruña que formará parte do calendario municipal do próximo ano. En concreto, o calendario consta de 24 imaxes: 12 fotografías en branco e negro do pasado da Coruña, e outras 12 en cor da cidade actual. A través do concurso decidiranse estas 12 últimas imaxes.
As persoas interesadas en participar poden enviar ata un máximo de 3 fotografías en cor realizadas no termo municipal da Coruña á dirección de correo electrónico concursofotografico@coruna.es indicando Concurso calendario municipal 2014. Os participantes téñense que comprometer a ceder os dereitos de imaxe e deben contar coa autorización das persoas que saian nas fotografías e que poidan ser recoñecibles. As bases do concurso pódense consultar na páxina web do Concello -www.coruna.es-.
Ademais da súa publicación no calendario municipal, os 12 gañadores recibirán un lote de libros de fotografía e varios exemplares do calendario. O xurado estará formado polo alcalde ou persoa en quen delegue, dous membros do colectivo de Fotoxornalistas Coruñeses e dous concelleiros ou persoas nas que deleguen. O resultado darase a coñecer antes do 15 de outubro de 2013.











