O concurso de escaparatismo rexistra 90 inscricións
Un total de 90 establecementos participan na edición de outono do concurso de escaparatismo organizado pola Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid e cuxo prazo de inscrición finalizou o pasado domingo, 15 de setembro. A cifra supera amplamente a alcanzada o ano anterior, cando o certame contou coa participación de 67 tendas.
O concurso, cuxo obxectivo é apoiar e potenciar a imaxe do comercio local, pasa agora á súa segunda fase na que un xurado formado por profesionais do interiorismo comercial e expertos en escaparatismo deberá elixir de entre estes 90 participantes cinco finalistas, cuxos nomes se farán públicos na páxina web www.participacoruna.com o próximo luns, 23 de setembro.
A estética, orixinalidade, eficacia comercial e a imaxe en conxunto son os criterios que deben puntuar agora os membros do xurado, que non elixirán, non obstante, ao gañador, xa que este se decidirá por votación popular nas redes sociais. Así, unha vez coñecidos os finalistas, os internautas poderán votar ata o 27 de setembro ao seu favorito.
Zona Obelisco, con 12 comercios, e Distrito Picasso, con 11, son algunhas das asociacións con maior número de inscritos, aínda que o certame conseguiu atraer a establecementos de practicamente todas as asociacións de comerciantes: dende Área Comercial Riazor, con sete participantes, Distrito Oza (6) ou Fernández Latorre-Cuatro Caminos (3).
Moitos dos participantes xa recibiron ao longo destes días a visita dun experto que os asesorou e axudaron a montar os seus escaparates de forma gratuíta e tamén a resolver as súas dúbidas respecto á imaxe do seu negocio. O certame, baixo o lema Despierta, muevete, Participa, premia a imaxinación dos comercios, que poden facer escaparates de temática libre, aínda que o verde debe primar na decoración.
O concurso organizado pola área de Emprego e Empresa repartirá case 10.000 euros en premios. O gañador recibirá 2.000 euros e 500 euros a asociación comercial á que pertence. Cada finalista, pola súa banda, obterá 1.000 euros (500 a súa entidade). Ademais, sortearanse vales de compra de 100 euros cada un entre os que participasen na votación popular.











