O Concello mosense oferta actividades educativas para os centros escolares
Dende a concellería de Educación que dirixe a edil Kely Monzón informan da oferta de actividades dirixidas ós centros educativos do Concello de Mos. O prazo para confirmar as actividades nas que estean interesados dende cada centro educativo remata mañá no caso das actividades programadas para o primeiro trimestre, e o 31 de outubro para as programadas para os outros dous trimestres. No caso das actividades extraescolares o prazo será dende o 24 de setembro ata o 10 de outubro.
Foi o martes da semana pasada, día 3 de setembro, cando dende a concellería de Educación se enviaron as programacións para o calendario escolar do presente curso 2013-2014 a tódolos centros educativos do Concello de Mos, ós seis CEIPs: Atín, Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda), Colexio de Petelos, Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), Pena de Francia e Lar; e ó IES de Mos.
Esta proposta engloba unha oferta de máis de 20 actividades distintas para os colexios e outras tantas para o IES. A oferta vai dirixida a cerca de 1.500 alumnos e alumnas destinatarios/as das actividades de tódolos centros educativos.
A oferta é diversa e variada procurando cubrir diferentes áreas educativas na vida dos nosos/as nenos/as e mozo/as. Con ela preténdese complementar as materias transversais que dende os centros educativos se traballan. Esta oferta abarca actividades tan diversas como propostas deportivas, de alimentación, visitas culturais, reforzo educativo, orientación laboral, educación en valores, seguridade vial, respecto polo medioambiente…
A proposta que se presenta, constitúe unha oferta de calidade que pretende optimizar os recursos da comunidade e potencia as colaboracións entre asociacións e concellos, conseguindo así unha clara redución do custo sen repercutir na calidade das actividades.
Ademais de toda a oferta educativa que propoñen dende esta concellería dentro do horario escolar, tamén organizan “Divírtete Aprendendo”, unha actividade extraescolar de motivación e técnicas de estudo, unha actividade de reforzo educativo coa que se pretende atender a dificultades como o baixo nivel de motivación e os malos hábitos de estudo que surxen durante a aprendizaxe dos/as escolares.











