O Concello informa a veciños e comerciantes do bo ritmo do Proxecto Integral de Rexeneración Urbana-C

Reunión cos representantes veciñais
A tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, informa de que o Grupo de Acción Urbana (GAU) se reuniu para abordar o estado de execución das accións previstas no Proxecto Integral de Rexeneración Urbana do Agra do Orzán (Urbana-C), onde se destacou o bo ritmo dos plans. O GAU, ademais de representantes municipais, está constituído por entidades veciñais, de comerciantes e doutros sectores sociais da cidade.
Neste sentido, Rosa Galego sinalou que a Escola de Emprendedores e a Aula de Emprego estarán operativos dende os próximos días e durante todo o 2014 e as obras do Centro Social Nova Boandanza, que albergará, ademais dun comedor social e un centro cívico, o primeiro centro de día de titularidade municipal, finalizarán proximamente. Así mesmo, informou de que o proxecto de construción da escola infantil, que contará con 82 prazas, está en fase de licitación, e que as obras de remodelación da rúa Cuba se iniciarán esta mesma semana.
Ademais, decatouse no acondicionamento da segunda fase da praza Dos mariñeiros do informe da Intervención Xeral da Administración do Estado que propón reintegrar 209.467 euros tras detectar irregularidades. A obra, tal e como explicou Rosa Galego, constaba de tres fases, cuxo importe de licitación superaba o millón de euros, polo que tería que terse feito mediante procedemento aberto. En cambio, o bipartito adxudicounas de xeito independente mediante tres procedementos negociados á mesma empresa. De feito, a praza Dos mariñeiros inaugurouse o 18 de decembro de 2010, incluíndo xa as fases dous e tres, cando o contrato da segunda fase se asinara só catro días antes e a obra arrancou, documentalmente, case dous meses despois (9 de febreiro de 2011).
O tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública agradeceu a colaboración dos veciños e comerciantes e destacou a súa implicación nos diferentes proxectos.











