publicidade hoxe

O Concello de Vimianzo convoca o I Concurso de artigos xornalísticos sobre arqueogastronomía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVimianzo
A-
A+

O Concello de Vimianzo, a través da iniciativa “Do mar á terra”, convoca o I Concurso de artigos xornalísticos sobre arqueogastronomía. Con el preténdese recoñecer a importancia dos comunicadores coma axentes divulgadores da cultura, dos acontecementos 3 do atractivo da gastronomía tradicional.

Vimianzo é unha encrucillada de camiños que ulen a mar ,xa que por aquí pasan as rutas que nos levan a portos coma os de Camariñas ou Laxe e Muxía ou Fisterra. Ademais, no ADN de Vimianzo está presente a pegada da historia. Dende os castrexos aos habitantes do castelo vimiancés ou da fidalguía e nobreza, existe unha fonda relación cos hábitos alimenticios e o mar.

ARQUEOGASTRONÓMÍA

Segundo diferentes investigacións arqueolóxicas, nos seus castros hai restos que proban o consumo de moluscos ou mariscos que proceden do mar e dunha pesca absolutamente artesanal e incluso rudimentaria. É por iso, entre outros motivos, que Vimianzo se configura coma a capital da gastronomía castrexa da Costa da Morte.

Grazas ao proxecto “Do mar á terra” os hostaleiros da vila, respaldados polo Concello, traballan na recuperación de receitas e métodos de cociña da antano, no que se mesturan a historia, o sabor xenuíno e o produto da Costa da Morte. Unha labor que agora se recoñecerá tamén fora da cociña, en forma de artigo divulgativo.

Así, este certame premiará os mellores traballos xornalísticos publicados no ano actual que destaquen calquera tipo de aspecto positivo relacionado coa gastronomía tradicional vencellado á historia, ao mar da Costa da Morte ou á arqueogastronomía.

PRODUTO XORNALÍSTICO

Poderá participar calquera xornalista ou articulista presentando un traballo de calqueira xénero publicado nun medio de comunicación en activo, xa sexa escrito, online, fotográfico, radiofónico ou audiovisual.

Os traballos deberán entregarse no Rexistro Municipal en horario de atención ao público ou a través de correo certificado ata o 30 de decembro de 2013 ás 14:00 horas.

O xurado, formado por xornalistas, hostaleiros e membros da corporación vimiancesa escollerá tres artigos gañadores. O primeiro premio recibirá un diploma acreditativo e unha peza de artesanía da Costa da Morte realizada de xeito exclusivo para o certame. Mentres, aos dous accésit se lles entregará un diploma acreditativo.

Ademais, cumprindo coa liña arqueogastronómica do concurso, os gañadores serán premiados cunha degustación dun menú castrexo para
dúas persoas nalgún dos establecementos vinculados á rede hostaleira de “Do mar á terra”.

“DO MAR Á TERRA”

Desta forma retómanse as actividades da segunda fase da iniciativa “Do mar á terra”, financiada polos fondos do Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, Gac3, e que busca a valorización dos produtos do mar como recurso turístico a través da gastronomía.

Desta forma “Do mar á terra” pretende definir un produto de turismo gastronómico encamiñado a facer propostas experienciais vinculadas á gastronomía e ao importante carácter histórico da capital soneirana.

9 de setembro de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.