O Concello de Santiago rozará 380 quilómetros de camiños forestais

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, anunciou a adxudicación pola Xunta de Goberno dos traballos de roza en camiños e superficies forestais do municipio. Actuarase sobre 380 quilómetros lineais e unha superficie de 152 hectáreas. Estes traballos son froito dun convenio entre o Concello e a Consellería de Medio Rural e do Mar e supoñen un investimento total de 47.370 euros (IVE incluído), dos que o Concello achega 29.999,75 euros e a Xunta 17.370,60 euros.

A roza dos camiños realizarase por medios mecánicos, mediante máquina rozadora, considerando un ancho medio de catro metros (dous metros a cadanseu lado) por metro lineal do camiño ou da pista rozada.

Realizaranse traballos nas parroquias de A Barciela, Enfesta, A Peregrina, Aríns, Bando, Busto, Cesar, Conxo, Fecha, Figueiras, Grixoa, Laraño, Marantes, Marrozos, Nemenzo, O Carballal, O Castiñeiriño, O Eixo, Sabugueira, San Caetano, San Lázaro, San Paio, Santa Cristina de Fecha, Verdía, Vidán, Villestro e Vista Alegre.

10 de setembro de 2013 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.