O Concello de Piñor ofrece, por quinto ano consecutivo, o Servizo Familias Tardías
Durante os catro cursos anteriores, o programa obtivo gran interese e participación por parte das familias do concello, obtendo nas enquisas de avaliación unha valoración moi positiva, sendo unha boa ferramenta para a conciliación da vida familiar e laboral e tamén para promover que os cativos teñan un hábito de estudo diario e un apoio profesional nas súas dificultades. Concretamente, o programa permite que un profesional da educación atenda ós cativos unha vez rematada a xornada escolar, de 18:00h a 20:00h, fomentando con elo a tranquilidade das familias traballadoras. De entre as tarefas que se levan a cabo destacar: realización dos deberes escolares diarios, aula de internet dispoñible para consulta e espazo de lectura. Ademais, os cativos poden cambiar a parada de autobús no centro educativo, de forma que xa acoden ó local de Familias Tardías directamente dende a saída escolar.
Este ano, o programa dará comezo o vindeiro 1 de outubro; toda persoa interesada debe comunicalo en Servizos Sociais ata o día 30 de setembro como máximo, para así planificar axeitadamente o inicio do proxecto. Neste eido, o concello convoca a tódalas familias a unha reunión informativa sobre o programa que terá lugar o xoves 26 de setembro ás 13:30h no Salón de Plenos, sendo moi importante que asistan á mesma.
O programa Familias Tardías supón un compromiso máis do Concello de Piñor co benestar das familias, infancia e xuventude, así como outros servizos que continúan vixentes como é o SAP (Servizo de Atención Psicoeducativa) que consiste en ofrecer atención psicolóxica gratuita a cativos a partir dos 2 anos de idade e á poboación xeral e o Programa de Educación Familiar, o cal se desenvolve dende o ano 2006 e atende a un total de 21 familias, ademais de realizar actividades comunitarias e socioeducativas.