O Concello de Ourense destinará 180.000 euros ao soterramento de infraestruturas eléctricas no barrio de Covadonga
Os veciños de Covadonga verán renovadas as súas infraestruturas eléctricas, nun proceso de humanización, restauración e adaptación que rematará cos cruzamentos aéreos actuais. Así o aprobou esta mañá a Xunta de Goberno Local, que deu o visto bo ao proxecto de soterramento de infraestruturas eléctricas de baixa tensión, cun orzamento de execución de 181.619,25 euros.
O proxecto consiste no soterramento dos cruzamentos de liñas eléctricas que voan actualmente entre edificios contiguos, e se apoian en postes e fachadas. Unha vez soterradas ditas conducións, procederase á retirada destes cruzamentos aéreos, e eliminaranse elementos discordantes co estilo urbanístico existente. Así, consistirá nun proceso de humanización, restauración e adaptación dos lugares de maior interese social da zona, coa redución do impacto visual que supón actualmente.
Con esta actuación, tamén se busca mellorar a calidade e seguridade da subministración eléctrica, xa que se instalarán novas liñas e ao discorrer baixo o chan estarán protexidas de calquer factor físico ou climatolóxico externo. Así mesmo, o proxecto inclúe obras de urbanización, como canalizar baixo o chan os cruzamentos dos condutores eléctricos entre edificacións baixo tubo de canalización eléctrica, prevendo posibles ampliacións da rede, e repavimentar as zonas de actuación, empregando materiais iguais aos existentes actualmente, de xeito que o impacto visual sexa mínimo.
O soterramento das infraestruturas está próximo a numerosos puntos de intereses social do barrio: o colexio público, as vivendas sociais, o parque infantil, a asociación de veciños, a asociación cultural, pistas polideportivas e Pazo de Guizamonde, sé da ONG “Proxecto Home”.
Adxudicación dos servizos técnicos do auditorio municipal
Esta mañá foron adxudicados os servizos técnicos no auditorio municipal á empresa Eulen como a mellor das ofertas presentadas. O contrato consiste na prestación dos servizos técnicos necesarios para a realizción de actividades escénicas, audiovisuais, congresuais e outras que teñan lugar no Auditorio Municipal. O adxudicatario proporcionará os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o funcionamento e mantemento derivado da actividade que nel se realice.
A Concellería de Cultura estimou necesaria a contratación destes servizos técnicos, xa que non dispón de persoal propio para realizar estes traballos, e o Auditorio municipal superou, no ano 2012, as 320 actividades. O ámbito do contrato abrangue os servizos técnicos de iluminación, son, audiovisuais, proxeccións cinematográficas, maquinaria, útiles, montaxe e auxiliares de montaxe.
Obras de adecuación do Punto Limpo de Santa Mariña
Na mesma sesión, foi adxudicado o proxecto das obras de adecuación do punto limpo de Santa Mariña a Construcciones Orega S.L., por 113.218 euros. As obras incluirán a mellora das instalacións e a optimización do funcionamento do punto limpo, adaptándose a novas necesidades do servizo..
Unha das prioridades do proxecto é a instalación dun sistema de intrusión e CCTV (circuíto pechado de televisión), para o control e vixiancia das instalacións. O servizo estará dotado dunha central, detectores infrarroxos, transmisor e sirena. Así mesmo, e co fin de mellorar a seguridade da zona, reporase o pechamento existente.
No que respecta aos colectores, instalaranse dous seminovos cunha carga máxima de 30.000 Kg, destinados a almacenaxe de residuos municipais -domésticos e residuos procedentes de comercios, industrias e institucións-.
Así mesmo, se levarán a cabo unha serie de actuacións encamiñadas a optimizar tanto o funcionamento do edificio de control, como o de almacenamento, mellorando as instalacións existentes: reporanse persianas, fiestras, a instalación eléctrica e o pavimento, así coma outros traballos de albañilería. A maiores, realizaranse outras actuacións como a reparación de carpintería metálica, mellora da explanada, incorporación de céspede artificial e reposición de marcos e bordillos.
Funcións de recollida, tránsito e orientación de residuos
O punto limpo de Santa Mariña é un centro equipado con colectores específicos, capacitados para recibir residuos de particulares, artesáns e comerciantes. As instalacións constan dunha zona de acceso, unha caseta de control, un espazo de almacenamento, e colectores de gran capacidade para o depósito de residuos (téxtil, cartón, voluminosos, escombros, metais, plásticos, restos vexetais, maderas, etc.). Así, a instalación favorece a separación en orixe, contribúe á reciclaxe dos residuos recollendo enseres domésticos e participa na loita contra os verquidos incontrolados. O “punto limpo” asume as funcións de recollida, tránsito e orientación dos residuos, e asegura dun xeito funcional unha mellor valoración dos residuos.











