O Concello de Mos organiza un curso preparatorio para obter o graduado en ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

Esta mañá celebrouse no CDL de Mos unha reunión aberta a tódolos interesados, durante a que o concelleiro de Formación e Emprego e tenente alcalde mosense, Óscar Soto, a edil de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, e responsables da Fudación ECCA presentáronlles ós asistentes o curso preparatorio para a obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria, ESO, que se impartirá nas mesmas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local.

Todas a s persoas que poidan estar interesadas na obtención do título teñen para inscribirse neste curso ata principios do vindeiro mes de outubro. Trátase dunha acción formativa na que se lle facilitará ó alumnado todo o material necesario para as clases, que serán impartidas un día á semana en horario de mañá: de 09.30 horas a 13.30 horas.

O  Concello de Mos a través da concellería de Formación e Emprego, seguindo coas políticas de emprego que se están executando dende a área e coa finalidade de mellorar a capacitación dos profesionais e das  persoas  que no seu ámbito laboral o necesiten, e para favorecer a súa inserción laboral ou ben a súa promoción na súa empresa, ofrece esta posibilidade de preparación para as probas libres para a obtención do título de graduado en ESO.

As clases, que serán titorizadas, desenvolveranse durante os meses de outubro deste ano a setembro do ano 2014, atendendo así ás dúas convocatorias de exames, unha no primeiro semestre do ano, previsiblemente en maio, e outra en setembro.

Como se dixo, as clases serán de 4 horas, un día a semana.  A metodoloxía empregada consistirá nunha titoría grupal e individual o día de asistencia á clase e de preparación por cada alumno durante toda a semana da materia que o docente estableza dacordo á programación inicial e que ten como obxectivo cubrir as materias necesarias para a obtención con éxito do título de graduado en ESO. O desenvolvemento das clases e titorías levarase a cabo pola Fundación ECCA

18 de setembro de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.