O Concello de Cambre comeza unha campaña de limpeza de grafittis nos locais públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal
A-
A+

O goberno local inicia unha campaña de limpeza e eliminación das pintadas nos locais públicos cambreses. Así comezará “borrando” este mes as pintadas que cobren os baixos municipais da urbanización da Barcala e o polideportivo do Graxal. Hoxe confirmouno o edil de Patrimonio, Felipe Andreu, que pide aos veciños colaboración veciñal para que non se volvan reproducir estes feitos que ensucían as paredes dos edificios e que se reparan co diñeiro de todos os cambreses. E é que a Policía Local xa denunciou unha decena de actos vandálicos deste tipo no que vai de ano e asegura que os autores son reincidentes.

Andreu anunciou que antes de que finalice o mes se eliminarán as pintadas dos baixos municipais da Barcala, en concreto da Biblioteca Xavier PÁX. Docampo, os locais de ensaio, as salas de informática e a ludoteca son os máis afectados por estes graffitis. “Queremos unha Barcala en condicións e temos que empezar por eliminar estas pintadas dos baixos públicos”, apuntou Andreu. O goberno local quere deixar claro que existen espazos reservados para este tipo de pintadas e pide os responsables que reflexionen sobre o dano que causan aos veciños por estes actos. “Esta limpeza págana todos os cambreses por iso os causantes delas deben ser conscientes do que lle supón a todos os veciños este tipo de actos”, sentenciou.

Recorda que as multas por realizar grafitis nas fachadas do municipio, ou calquera outro elemento urbano público (valos, mobiliario, piares ou estruturas de grandes infraestruturas, pavimentos, equipamentos infantís…), poden chegar ata os 3.000 euros. Por outro lado, replantaranse na Barcala as plantas que desapareceron dos soportes a causa da calor da época estival.

17 de setembro de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.