O Concello da Laracha proxecta a creación doutro arquivo no novo edificio administrativo
O Concello da Laracha ten proxectado o acondicionamento dunha das estancias do sótano do novo edificio administrativo para crear un arquivo que se destinará ao almacenamento e clasificación de documentación oficial e expedientes administrativos municipais.
O novo edificio administrativo xa conta cun arquivo que fora equipado con estanterías móbiles pouco despois de rematarse a construción do inmoble e semanas antes do traslado das dependencias da Policía Local e do Centro de Información ás Mulleres cara a nova instalación municipal.
A través deste proxecto o Concello da Laracha creará outro rexistro municipal de similares características ao xa existente e nunha estancia contigua, facilitándose o traslado de documentos entre ambos arquivos e aumentando tanto o espazo de almacenamento como o equipamento dispoñible, adiantándose ás necesidades que poidan presentar nun futuro a medio prazo.
O proxecto ten un orzamento total próximo aos 16.000 euros. Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse solicitar o cofinanciamento desta actuación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universataria da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas económicas para o desenvolvemento de actuacións en materia de arquivos (DOG núm. 145 do 31 de xullo de 2013).
Licencias urbanísticas
Salientar tamén que a Xunta de Goberno concede unha licenza de obra maior e outras tres de entidade menor.











