O Concello da Laracha amplía o crédito para investimentos reais en 103.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe nun Pleno ordinario no que salientaron os asuntos económicos e as modificacións orzamentarias propostas polo grupo de goberno municipal co obxectivo de conceder subvencións nominativas a entidades que desenvolven actividades de interese xeral e tamén de aumentar o crédito dispoñible para acometer actuacións de investimento real antes do final deste ano.

Como punto máis importante cabe salientar o cambio de finalidade da operación de préstamo por un importe de un millón de euros concertada no ano 2010 para financiar actuacións de investimento consideradas beneficiosas para o conxunto da veciñanza do municipio.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, explicou que certas actuacións que estaba previsto financiar con fondos municipais foron incluídas en programas doutras administracións. Por tanto, xerouse un sobrante de case 103.000 euros que agora se destinará a outros cinco investimentos, consistentes na expropiación das parcelas afectadas polo Plan especial do Sistema Xeral de infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga (construiranse novos depósitos de cabeceira e ampliarase a depuradora de O Formigueiro), a pavimentación da rúa Arxentina e da avenida Manuel Fraga Iribarne do casco urbano da Laracha, a adquisición de maquinaria deportiva para o ximnasio da piscina municipal, a mellora do spa na mesma instalación e o pulido e pintado das pistas do pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís.

Ademais do citado cambio na finalidade da operación de préstamo, tamén foi necesario elevar ao Pleno o correspondente expediente de modificación de crédito, que inclúe os necesarios suplementos de crédito e créditos extraordinarios para acometer ditas actuacións. Ambos puntos foron aprobados cos únicos votos en contra do grupo de goberno e as abstencións do PSOE e do BNG.

A mesma votación produciuse na modificación das bases da execución orzamentaria, proposta polo goberno local como medio para incluír catro subvencións nominativas a favor da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (que ascende a 3.000 euros, aos que se engaden os 1.500 euros xa incluídos no orzamento inicial), ao IES Agra de Leborís (2.000 euros) e ás Comisións de Festas de Erboedo e de Soutullo (por un importe de 1.200 euros cada unha).

O alcalde considerou que todas estas achegas económicas son “prioritarias”, destacando a labor que realiza ao longo de todo o ano, especialmente durante o verán, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a colaboración municipal co IES Agra de Leborís no financiamento da renovación do ximnasio do centro educativo. José Manuel López Varela tamén explicou que as subvencións nominativas ás Comisións de Festas de Erboedo e de Soutullo concédense porque ningunha delas estaba constituída no momento no que se resolveron (no pasado mes de xuño) as axudas que, para este fin, cada ano convoca o Concello da Laracha.

Os puntos da orde do día nos que existiu unanimidade dos tres grupos con representación na Corporación foron a aprobación dos festivos locais do ano 2014 e da agrupación de concellos e o convenio de colaboración con Carballo para o desenvolvemento da obra de soterramento de infraestruturas eléctricas no núcleo limítrofe de A Piña.

Como festivos locais quedan fixados o 4 de marzo, é dicir, o  martes de Entroido, e o luns 8 de setembro, que é o Día dos Milagres de Caión, celebración que conta coa consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

En canto a obra de A Piña, salientar que está valorada nun total de 109.000 euros e que será financiada en máis do noventa por cento pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. O convenio de colaboración establece que será o Concello de Carballo o que lidere este proxecto, ao afectar ao seu termo municipal a maior parte da actuación.

O alcalde da Laracha considera que se trata dunha actuación “interesante porque A Piña está atravesada por dúas liñas eléctricas” e, deste xeito, “mellorarase a estética nun núcleo que conta cun importante elemento do patrimonio histórico”, como é a igrexa de San Adrián.

O rexedor municipal concluíu asegurando que “debemos manter estas vías de colaboración entre os municipios, como vimos facendo con Carballo e Arteixo, para alcanzar importantes beneficios comúns”. Por último, avanzou que nesta semana comezarán as obras de mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha –actuación promovida conxuntamente, tamén, con Carballo- e agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración no financiamento de ambas obras.

25 de setembro de 2013 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.