O Concello da Coruña saca a concurso a primeira fase da urbanización do barrio do Castrillón
O Concello da Coruña sacou a concurso a primeira fase do Plan Conecta, que permitirá a urbanización de O Castrillón e atender unha vella demanda dos veciños de hai máis de 20 anos. As obras licitadas, que inclúen a rúa Casanova de Eirís e a avenida dos Caídos, empezarán a executarse este ano e supoñerán a urbanización de 7.021 metros cadrados, cun investimento de 698.056 euros e un prazo de execución máximo de 15 meses.
As empresas interesadas teñen ata as 13.00 horas do próximo 3 de outubro para presentar as súas propostas. A primeira fase enmárcase dentro dun plan máis ambicioso que supoñerá un investimento de 1,7 millóns de euros, a renovación de 14.214 metros cadrados e a posta ao servizo dos cidadáns de 271 novas prazas de aparcadoiro, das que máis da metade (155) se habilitarán, na primeira fase do proxecto.
A previsión municipal é que a urbanización da rúa Casanova de Eirís e a avenida dos Caídos empezará a executarse este ano. Ademais de completar as conexións dentro do barrio do Castrillón e mellorar os accesos ao futuro polideportivo municipal, o Concello aproveitará para habilitar 155 prazas de aparcadoiro e realizar obras de canalización de servizos (auga, saneamento, telefonía, subministración eléctrica e de gas) e de colocación de iluminación pública e de novo mobiliario.
O Plan Conecta 2013-2016, cun investimento final de 1,7 millóns de euros, completarase con dúas novas fases:
– A segunda fase, que roldará os 375.000 euros, centrarase na rúa Antonio Ríos. Está en período de redacción. Contará con 44 novas prazas de aparcadoiro e urbanizaranse 2.421 metros cadrados.
– A terceira fase comprenderá a urbanización dunha mazá situada entre as rúas Villa de Ordes, Castrillón e avenida de Casanova de Eirís. O investimento programado é de 625.000 euros. Serán 72 prazas de aparcadoiro e unha superficie urbanizada de 4.772 metros cadrados.
PALAVEA
O Concello tamén licitou o proxecto de urbanización do barrio de Palavea, cun presuposto de 248.262 euros e un prazo de execución máximo de
6 meses. Estas obras son unha mostra máis do compromiso do actual equipo de goberno coa rehabilitación e a recuperación de espazos públicos.
O proxecto de Palavea, consensuado con veciños e comerciantes, formula a execución dun aparcadoiro en superficie na mesma situación que o que existe actualmente pero que non estaba acondicionado: pavimentarase a explanada; pintaranse as prazas; plantaranse sebes e árbores na parte perimetral; colocarase iluminación pública e realizaranse novos itinerarios peonís accesibles. A maiores, executarase unha pista multideporte de 20 metros de longo por 10 de ancho, o que obriga a recolocar a actual zona de xogos infantís, que se instalará nunha parcela contigua, con nova iluminación e un itinerario peonil accesible que separe a área infantil da futura pista.











