O Concello da Coruña investirá 161.000 euros na construción de 89 hortos urbanos
O Concello adxudicou as obras de construción e acondicionamento dos hortos urbanos, que estarán situados no barrio de Novo Mesoiro. A Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador desenvolve este proxecto co obxectivo da integración social e aposta por prácticas ambientais saudables, cambiando espazos desatendidos por lugares humanizados.
O Concello da Coruña adxudicou o proxecto entre as 11 ofertas que se presentaron ao concurso, o que permitiu elixir a proposta que mellor se axusta ás directrices marcadas pola área de Medio e aforrar un 8,33% con respecto ao presuposto de licitación. A empresa Xardinaría Pradairo encargarase de executar este proxecto nun prazo máximo de catro meses.
O Goberno local investirá 161.538 euros nesta iniciativa na que a empresa adxudicataria se encargará de estudar a viabilidade, así como de realizar a adecuación da parcela e a execución dos 89 hortos de ocio e as súas instalacións complementarias. Os hortos situaranse nunha parcela de titularidade municipal situada á altura do número 2 da rúa Fragas do Eume.
Para articular ao proceso de selección dos usuarios dos hortos urbanos de Novo Mesoiro, o Concello está a ultimar as normas de uso, xestión e acceso a estas instalacións municipais, unha iniciativa inédita na Coruña, que en todo caso incluirá unha reserva para aquelas persoas con dificultades económicas, así como para a realización de actividades educativas. Por este motivo, estanse a analizar diferentes experiencias noutras cidades españolas para facelo do xeito máis organizada e sostible dende o punto de vista económico e ambiental para que cumpran os fins que se propoñen.
Estas normas de funcionamento preverán os períodos de adxudicación das parcelas de 50 m2, así como os horarios de utilización destes, para o cal se terá en conta o aproveitamento da luz solar. As parcelas dedicaranse exclusivamente ao cultivo de hortalizas ou flores, os produtos obtidos serán para consumo familiar -non poderán venderse-, haberán de efectuarse prácticas culturais aplicadas no cultivo ecolóxico e cada usuario terá a obriga de manter o horto en bo estado. Tamén se fomentará a utilización de sistemas de rego que permitan unha optimización do consumo de auga.
Ademais das hortas de ocio, nestes terreos municipais, que alcanzan unha superficie 8.309 metros cadrados, tamén se habilitará unha zona de recreo -con fontes, barbacoas, mesas e bancos- e instalaranse dous aseos compostos dun inodoro, unha ducha e unha cabina cambiadora -diferenciándose unha instalación para homes e outra para mulleres-. Para facilitar o acceso á zona, o Concello optou por esta parcela municipal xunto ao número 2 da rúa Fragas do Eume porque favorece o acceso e a mobilidade dos usuarios -pódese acceder en transporte público á zona a través da liña de bus urbano número 21-.
A Concellaría de Medio pon en marcha estas hortas coa intención de que se consigan os seguintes obxectivos:
– Unha función produtiva para autoconsumo, que é por tradición o destino habitual dos hortos, e polo tanto de apoio as economías familiares máis desfavorecidas.
– Unha función ambiental e paisaxística, pois os hortos son espazos abertos, verdes, permiten ao terreo conservar a súa función cultural ao mesmo tempo que achega valores, variedade visual, riqueza e harmonía, integrando espazos diferentes: urbanos e rurais.
– Unha función social, saudable e educativa: permite o entretemento, a educación ambiental e o fomento das relacións sociais, a través dunha actividade lúdica e terapéutica.
– Unha función cultural: ao posibilitar a continuidade das tradicións do cultivo por parte de persoas maiores nun ambiente urbano, ao mesmo tempo que facilita a transición de coñecementos ás xeracións máis novas.











