O Concello actúa na rede de pluviais para evitar bolsas de auga na Avda. Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello continúa realizando traballos preventivos para reducir os riscos dos asolagamentos que se producen a consecuencia das choivas. Mañá actuarase nun tramo da Avenida Rosalía de Castro na que se soen crear grandes bolsas de auga. Para evitalas, farase unha limpeza a fondo de tragantes e arquetas da rede de recollida de pluviais.

Os traballos consistirán na limpeza das canalizacións que despois do verán viron reducido o seu diámetro e, polo tanto capacidade de drenaxe, debido á acumulación, principalmente de area arrastrada polo vento, e tamén follas. A actuación afectará ao tramo da Avenida Rosalía de Castro comprendido entre o semáforo anterior ao Balneario e ata pasado o acceso aos xardíns de Artime. Este tramo é especialmente problemático cando se rexistran precipitacións intensas, xa que se acumula auga creando importantes bolsas na calzada que ocasionan dificultade aos vehículos ao circular e moitas molestias aos peóns que camiñan pola beirarrúa que se ven salpicados e mollados polos coches.

Estes traballos preventivos dan continuidade aos iniciados a semana pasada no barrio da Torre e que levan a cabo de xeito preventivo antes do inicio da temporada de choivas.

Para realizar a limpeza fai falta utilizar un camión, polo que para reducir os efectos sobre o tráfico habilitaranse a zona de estacionamentos para que poidan pasar os vehículos nos dous sentidos da circulación mentres se efectúan os traballos que se calcula duren un par de horas.

24 de setembro de 2013 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.