O Club Xadrez Oroso organiza unha exhibición e charla sobre os beneficios deste deporte
O Club Xadrez Oroso presentarase en sociedade mañá venres 27 de setembro, ás 19:00 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Unha iniciativa coa que os responsables desta asociación deportiva, nacida en 2011, pretenden facer chegar aos veciños e veciñas de Oroso os seus obxectivos para o curso 2013-2014, que pasan por impartir clases de xadrez e a formación dun equipo para competir na Liga Galega, que comeza en xaneiro.
A xornada de mañá venres, que conta coa colaboración do Concello de Oroso, comezará cunha charla formativa a cargo do mestre galego Roberto Patiño, que disertará sobre “Os beneficios do xadrez en nenos e adultos”. Un dos responsables do club Xadrez Oroso, Juan Salgueiro, explica que “queremos transmitirlle aos veciños os importantes beneficios que proporciona o xadrez como un deporte da mente. De feito, os beneficios do xadrez están recoñecidos pola Unión Europea, que mesmo recomenda a súa introdución nas aulas”. Acto seguido terá lugar unha exhibición de xadrez.
Clases de xadrez
O club Xadrez Oroso ten previsto estruturar as clases de xadrez en dous niveis, de acordo co nivel de cada alumno/a. O primeiro nivel, cuxas clases terán lugar os venres de 18:00 a 19.30 horas, comprende cuestións básicas como o taboleiro e colocación, xogos ponte co xadrez, movemento e captura de pezas, promoción e enroque, apertura, xaque, etc. O segundo nivel, que se impartirá os venres de 19:30 a 21:00 horas, inclúe cálculo de variantes, partidas de ataque ao Rei, temas e plans estratéxicos, análise de partidas didácticas, preparación de aperturas, etc. As tarifas destas clases serán de 30 euros (non socios) e 20 euros (socios) mensuais.
Por outra banda, para facerse socio do Club Xadrez Oroso é preciso aboar unha cota de 12 euros anuais e poñerse en contacto coa asociación a través do teléfono 620 08 28 59, o mail clubxadrezoroso@gmail.com ou a través da web: www.clubxadrezoroso.wix.com/home.











