O Circo do Sol ofrecerá o 26 de decembro unha nova sesión na Coruña
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o espectáculo Quidam, que El Circo del Sol trae á cidade en decembro, ofrecerá unha nova sesión debido ao grande éxito de venda. Será o 26 de decembro ás 17.30 horas e as entradas poñeranse á venda a partir de mañá, venres 13 de setembro.
En xullo, xa se puxeron á venda entradas para unha sesión adicional -o 27 de decembro- ás sete previstas inicialmente debido á grande expectación xerada pola chegada del circo del sol á cidade e tras superarse xa as 20.000 entradas vendidas.
A nova sesión que se programou será o 26 de decembro ás 17.30 horas. As entradas poñeranse á venda o mañá, venres 13 de setembro, a partir das 10.00 horas, a través dos puntos oficiais: www.livenation.es, Ticketmaster, El Corte Inglés, Servinova, entradas.com, e no despacho da praza de Ourense. O prezo oscilará entre os 33 e os 66 euros, con descontos do 20% para nenos de 2 a 12 anos.
A compañía ofrecerá agora un total de 9 funcións que se representarán entre os días 25 e 29 de decembro no Coliseo da Coruña, cumprindo, deste modo, un obxectivo perseguido dende a inauguración do recinto. En Quidam, os espectadores poderán gozar de diferentes acrobacias e números de contorsión aérea, roda alemá, swing nas nubes, balanceo a mans, diábolos ou malabar a cargo dun elenco formado por 52 acróbatas, músicos, cantantes e personaxes. Para este espectáculo, o Coliseo terá que adaptarse ás esixencias escénicas e técnicas da compañía, polo que, co fin de garantir o axeitado desenvolvemento e visibilidade do evento, contará cun aforamento para 5.000 persoas.











