O ciclo TRCdanza ofrecerá ao público nove espectáculos no que queda de ano
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá o ciclo TRCdanza 2013, que ata final de ano ofrecerá un total de nove espectáculos con propostas que van dende o estilo contemporáneo, ao experimental, pasando polo neoclásico: “O Concello da Coruña quere mostrar, un ano máis, o seu apoio e compromiso con todo tipo de manifestacións artísticas e, neste caso, pretende dar á danza o protagonismo que merece, fomentando ademais a visibilidade das producións locais e a súa difusión”, destacou e engadiu: “Este ciclo busca garantir o acceso dos cidadáns afeccionados á danza contemporánea, a unha oferta de calidade e alcanzable que de non ser pola iniciativa pública, non poderían ser programados pola súa escasa rendibilidade para os espazos privados, á vez que trata de fomentar e potenciar a creación de público,”.
A responsable de Cultura recordou que este é o segundo ano consecutivo no que o Concello da Coruña resulta seleccionado para entrar no circuíto Danza a Escena 2013, un programa organizado pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública, impulsada polo INAEM (Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música). Nesta ocasión todos os espectáculos se programarán no Teatro Rosalía Castro ás 20.30 horas.
O primeiro dos espectáculos será, o día 20 de setembro, a obra de danza contemporánea No title yet, de La Macana, que conta cun só intérprete, Alexis Fernández. Seguiralle outra compañía galega, Nova Galega de Danza que presentará, os días 27 e 28 de setembro, o seu novo espectáculo 10 co que conmemoran a súa década sobre os escenarios. O mes de outubro chegará con dúas novas propostas: a premiada obra experimental Miniaturas/before we fall, de Associació L’escénica, o 11 de outubro, e o espectáculo neoclásico Odeim, la irrupción de lo posible en lo imposible, de Jesús Mascarós Mansilla, o 26. En novembro haberá tres citas coa danza: o día 2, Mónica García interpreta o solo La velocidad de las cosas; o 10, Manuel Rodríguez protagoniza Limits; e o 23, CobosMika Company invitará a gozar da danza e a música en directo con Tango. Finalmente en decembro, o público poderá gozar da proposta de Sol Picó Cía de Danza que con Memoria de una pulga formula unha road movie dende a danza. A cita será o 20 de decembro. A compañía de danza Losdedae será a encargada de pechar o ciclo con Return, unha historia sobre o amor e as relacións de parella.
Ana Fernández destacou o esforzo que dende o IMCE se está a facer para introducir a linguaxe universal da danza dentro dos hábitos de ocio dos coruñeses grazas, non só a este ciclo, senón ás diferentes propostas que se realizan noutros espazos municipais ou accións específicas como a celebración do Día da Danza: “Queremos conectar cos diferentes tipos de público e por iso tratamos de programar espectáculos do máis variado, non só en canto a danza, tamén no ámbito teatral ou expositivo”, asegurou.
A concelleira de Cultura explicou que de forma paralela ao ciclo de espectáculos se realizarán, como actividades complementarias, dous cursos a cargo dos profesionais Roser López e Yoshua Cienfuegos que se celebrarán os días 10 e 25 de outubro, respectivamente: “Será unha grande oportunidade, tanto para os profesionais coma para os afeccionados, de actualizarse, renovarse e seguir aprendendo,” sinalou.
Os billetes pódense comprar a un prezo de entre 10 e 13 euros, con descontos do 20% para maiores de 65 anos, desempregados e posuidores de carné novo. As entradas están á venda a través das canles habituais: despacho da praza de Ourense en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; televenda no teléfono 902 504 500; a través da web taquilla.servinova.com; ou, o mesmo día da función, no despacho do Teatro Rosalía Castro de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.











