O Centro Oncolóxico estará finalizado no primeiro trimestre de 2015
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Francisco José Vilanova, presentou o proxecto para a construción dun aparcadoiro público que dea servizo tanto ao Hospital Materno Infantil coma ao Centro Oncológico de Galicia e do que poderán beneficiarse máis de 1.500 usuarios diarios: “Trátase dun equipamento longamente demandado e que dará servizo a máis dun millón de persoas da Coruña e a súa área de influencia entre usuarios e profesionais destes dous centros sanitarios”, destacou Negreira.
Neste sentido, o rexedor explicou que o proxecto se desenvolverá en dúas fases: “A primeira fase, que sairá a concurso este mesmo mes, comezará a construírse a principios de 2014 co obxectivo de que estea finalizada no primeiro trimestre de 2015”, destacou Negreira quen explicou que o novo aparcadoiro terá un custo de 3,4 millóns de euros.
O proxecto será posible grazas á colaboración do Ministerio de Fomento que cedeu a totalidade do ramal da AC-12 (avenida da Pasaxe) que discorre entre o Hospital Materno Infantil e o Centro Oncológico, unha situación que permite dar servizo aos dous centros sanitarios.
Tal e como explicou o alcalde, o novo proxecto considera un aparcadoiro público en réxime de rotación, cunha superficie construída de 13.000 metros cadrados e unhas 430 prazas de aparcadoiro. Co fin de dar servizo canto antes aos cidadáns, considérase a súa realización en diferentes fases. A primeira delas supoñería a construción dun aparcadoiro de 8.000 metros cadrados, cinco plantas e 259 prazas de aparcadoiro das que 26 serían adaptadas.
“Con esta primeira fase estariamos en condicións de dar servizo a máis de 1.500 usuarios diarios co que damos un importante paso para solucionar o problema de estacionamento nesta zona e respondemos, así, a unha das vellas demandas das persoas que utilizan estes dous centros”, asegurou e informou de que o proxecto ten previsto a súa entrada pola parte superior, na planta quinta, dende a rotonda que dá acceso ao Centro Oncológico e saída para vehículos dende as plantas 1ª, 2 e 5.
“Nesta primeira fase -engadiu- facemos fronte á parte máis complexa e custosa do proxecto, deixando todo preparado para a segunda fase no caso de que a demanda fixese necesarias esas novas 200 prazas,”.
Ademais do aparcadoiro, está prevista a instalación dunha nova estación de Bicicoruña na parte superior do aparcadoiro para dar cobertura a ambos os dous centros e facilitar a súa conexión co resto da cidade a través dun medio de transporte alternativo.
“Con este novo aparcadoiro non só soluciónase un problema de aparcadoiro, tamén se dá resposta a un problema serio de mobilidade e seguridade, evitando malos estacionamentos ou o mal ocupamiento das vías”, concluíu.











