O carné da Fundación de Deportes e as bonificacións entran en vigor este curso
Os vilagarciáns poderán beneficiarse a partir do novo curso que vai comezan das novas bonificacións que ofrece a Fundación Municipal de Deportes para a obtención do carné nas súas diversas modalidades. Os descontos aprobados polo Consello reitor da Fundación de Deportes aplicaranse ao carné familiar e ao individual, ademais de manterse os prezos especiais dos carnés xoven e para maiores de 65 anos.
A estes descontos poderán optar as familias con menores ingresos, as persoas en paro e colectivos especiais, como os de minusválidos. Con estas medidas a Fundación pretende continuar fomentando a práctica de deporte entre os vilagarciáns, intentando que o prezo non sexa un obstáculo para que así sexa.
Así, o carné familiar terá un prezo anual de 60 euros, mentres que o bonificado será de 50. O carne individual sénior custará 45 euros, mentres que o bonificado obterase por 30. Ademais, mantense o carné xóven por 30 euros por ano, cantidade similar que custará a tarxeta para menores de idades e tamén para maiores de 65 anos.
Os prezos estrarán en vigor coa nova tempada que se iniciará no mes de outubro. O prazo de inscrición nas actividades deportivas para adultos, para as escolas deportivas e para a obtención e renovación do carné abrirase a partir do 17 de setembro, xa que é preciso a cumprir o trámite legal de que os novos prezos saian publicados no Boletín Oficial da Provincia.
Regulamento de Réxime Interno e de Uso das Instalacións Deportivas
Xunto coa Ordenanza nº 17 reguladora dos prezos públicos pola utilización das instalacións deportivas, o BOE tamén publicará o Regulamento de Réxime Interno e de Uso das Instalacións Deportivas Municipais que tamén se aprobo u pasado mes de xuño coa unanimidade do Consello Reitor.
O novo Regulamento substituirá o documento anterior, elaborado xa hai moitos anos, e que quedara obsoleto tanto polos cambios e implementación das instalacións deportivas do Concello, como tamén polos cambios introducidos pola última Lei do Deporte. Así, o novo regulamento adáptase á normativa en vigor e recolle os cambios que se foron producindo na infraestrutura deportiva municipal e no seu funcionamento. A efectos prácticos, a meirande destes cambios non se notarán na práctica posto que xa se estaban aplicando mediante os sucesivos acordos adoptados no seu día polo Consello de Xerencia da Fundación. Agora todos eses cambios quedan reflectidos no texto actualizado.
O Regulamento de Réxime Interno e de Uso das Instalacións Deportivas Municipais recolle aspectos como as características das instalacións, as limitacións funcionais dos espazos deportivos, o procedemento de reclamación por parte dos usuarios, o réxime do aproveitamento publicitario, os horarios, o material e equipamentos deportivos, os dereitos e deberes dos usuarios, as normas de uso das instalacións e do material e equipamentos deportivos, os procedementos de solicitude de uso por par parte dos clubs e para a realización de competicións, así como o réxime de infraccións e sancións.











