O cantautor ourensán Emilio Rúa ofrecerá un concerto no centro cultural Torrente Ballester ferrolá
A nova tempada de concertos do ciclo “As Noites en Capela”, organizado pola Concellería de Cultura que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, segue este xoves, día 12, coa actuación de Emilio Rúa na Capela do Torrente Ballester. O concerto dará comezo ás 21:00 horas e as entradas poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: www.ferrol.es (apartado axenda cultural).
O cantautor ourensán repasará temas dos seus catro discos publicados e avanzará cancións do seu quinto traballo discográfico “Destino sur”, que se publicarán proximamente. Guitarra en man comezou a compoñer e a presentarse en concursos. Tras un dos seus recitais ofrecéuselle a oportunidade de gravar un primeiro traballo discográfico, publicado no ano 200, no cal colaborou a cantante Uxía Senlle en un dos temas. Froito deste primeiro disco foron as súas actuacións no Instituto Cervantes de Machester e no de Leeds, ademais de ter a oportunidade de compartir escenario con Ismael Serrano ou Pedro Guerra, así como numerosas actuacións en radio e televisión galegas. En 2006 grava o seu segundo traballo discográfico “Vida Miña”, coa produción artística de Uxía Senlle, que supuxo para Emilio Rúa un antes e un despois na súa carreira artística.











