O campo de fútbol de Aneiros é inaugurado por Diego Calvo tras as obras de remodelación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolProvincias
A-
A+
Inauguración do campo de fútbol

Inauguración do campo de fútbol

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asistiu esta tarde á inauguración do campo de fútbol municipal de Aneiros no Concello de Ferrol. No acto tamén estiveron presentes o alcalde, José Manuel Rey, concelleiros de Ferrol e membros da Asociación de Veciños San Salvador de Serantes.

A Deputación da Coruña colaborou nestas obras con 340.000 euros, unha cifra formalizada a través dun convenio no ano 2010. Diego Calvo desculpouse ante os veciños “pola longa espera transcorrida para que estas obras fosen unha realidade”, para continuar dicindo “pero xa está aquí o tempo de gozar deste campo como se merece”.

“Desde unha institución na que se traballa cada día por dinamizar o deporte de toda a provincia, apréndese que os campos non miden o seu tamaño polos metros cadrados, nin pola categoría na que xogan os seus equipos, senón polo que significan para os seus veciños”, asegurou o presidente provincial durante a súa intervención referíndose á cantidade de equipos de base que adestran diariamente nestas instalacións.

As obras de remodelación incluíron a substitución do antigo firme por céspede sintético, pero, ademais, foi necesario mover o actual terreo de xogo co obxecto de apartalo do rego de Aneiros e evitar as posibles consecuencias das crecidas en épocas de choivas. Por iso, as actuacións incluíron a demolición e posterior restitución dun muro de contención na banda dereita do campo e a rotación do terreo de xogo coa necesaria apertura dun novo acceso de peóns coas varandas de seguridade correspondentes.

24 de setembro de 2013 | 22:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.