publicidade hoxe

O Barco Muralla da deputación lucense visitará a Fonsagrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaLocalLugoProvincias
A-
A+

O Barco Muralla expón, unha semana máis, a riqueza medioambiental da provincia ó tempo que ofrece unha serie de actividades lúdicas para o desfrute en familia. A actividade, organizada pola Deputación, atoparase na Fonsagrada durante os días 7 e 8 de setembro, coincidindo coas festas patronais desta localidade. O barco poderase visitar en horario de 10:00 da mañá a 20:30 horas e se situará nas inmediacións da praza do Concello.

No que vai de verán, preto de 3000 persoas achegáronse ata a embarcación para coñecer a través do numeroso material didáctico toda a riqueza natural lucense, e concretamente, na súa última visita a Meira, cerca dun milleiro de persoas visitaron a embarcación. O Barco leva percorrido, ademais de Meira, O Incio, Guitiriz, Burela e Monforte de Lemos dentro do seu itinerario de verán, dando conta a milleiros de persoas do patrimonio ecolóxico lugués. Moitos dos visitantes eran doutras provincias, e achegáronse ata a embarcación aproveitando a súa visita a Lugo durante a tempada estival.

O Barco está a levar a cabo diversas actividades para públicos de todas as idades, tanto no interior como no exterior, se o bo tempo acompaña durante os días de celebración. Fóra sitúanse os obradoiros de traballos manuais para nenas e nenos, así como un apartado de reciclaxe onde os máis pequenos poden comezar a concienciarse na defensa do medio ambiente. No interior da embarcación, os asistentes poden informarse sobre a diversidade ambiental da provincia nunha sala dotada de ordenadores portátiles e noutra na que se proxecta diferente material audiovisual elaborado polos técnicos e bolseiros da Fundación TIC, dependente da Deputación. Ademais, dous monitores guían en todo momento ós asistentes, que tamén dispoñen de dípticos de información sobre as Reservas da Biosfera, así como de iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente.

Dentro do programa Lug0₂

O Barco Muralla é unha iniciativa que se enmarca dentro do programa Lug02, da Área de Medio Ambiente, e que conta cun orzamento de máis de 120.000 euros, financiados nun 80% por fondos europeos. A Deputación de Lugo continúa apostando polo medio ambiente, unha importante oportunidade de negocio para os lucenses que, con iniciativas deste tipo poden aprender acerca da importancia de conservar o seu patrimonio natural e de diferentes posibilidades de xerar riqueza dun xeito sostible, de aí o empeño do organismo provincial por amosar tódalas posibilidades da natureza de Lugo.

3 de setembro de 2013 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.