O Banco de Libros de Texto repartiu 1.245 exemplares
A concellería de Igualdade, Benestar Social, e Educación do concello de Cambre e as ANPAs “Castelao” do IES “Afonso X El Sabio”, ANPA do IES David Buján, ANPA “Fendetestas” do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, ANPA do CEIP O Graxal, ANPA do CEIP Emilio González López e a ANPA Ou Souto” do CEIP Gonzalo Torrente Ballester puxeron en marcha o pasado mes de xuño o Banco de Libros de Texto.
Aínda que cada ANPA (e centro educativo) dispuxo do seu propio banco de libros de texto, elaboráronse unhas normas básicas de funcionamento para todos que favoreceron o contacto e a coordinación entre os bancos de libros de texto e igualan as condicións de acceso ao servizo.
Os datos que bota a posta en marcha deste primeiro banco de libros, unha experiencia nova neste concello, son moi positivos, segundo a edil de Educación, María Jesús González Roel, que asegura que serviu de proxecto pioneiro que achegou datos relevantes para mellorar o sistema do próximo ano e lograr chegar así a máis escolares dos centros públicos de Cambre.
Segundo os datos achegados polos técnicos municipais, preto de 400 familias beneficiáronse dos libros de texto que se doaron para o inicio deste curso. En total, doáronse en todos os centros 1.586 libros dos que se repartiron 1.245. Os libros que non se repartiron almacenaranse no banco ata o próximo curso e os que estean descatalogados doaranse a unha ONG. A próxima semana haberá unha reunión entre a concelleira, os técnicos municipais e as ANPAS para valorar esta primeira experiencia e na que se esperan sentar as bases para traballar o próximo ano. “Queremos sensibilizar máis pais para o próximo curso para que este banco beneficie aínda a máis alumnos”, apuntou Roel.
As ANPAS xestionaron todo o servizo dende cada un dos seus centros educativos mantendo un contacto directo cos técnicos municipais a través do programa informático que os técnicos elaboraron co obxectivo de manter un control dos exemplares doados, repartidos e dos baremos para a súa distribución.
Esta iniciativa precisou da implicación da comunidade escolar, ANPA, alumnado e familias para conseguir entre todos os seguintes obxectivos; favorecer a economía familiar, fomentar a solidariedade e fomentar a reutilización, o consumo responsable e sustentable e os valores medio ambientais. Ademáis, acordouse crear unha campaña informativa chamada “Comparte os teus libros, non poñas límites a súa vida! ” que está dirixida aos CEIPs e IES do Concello de Cambre, e máis en concreto aos seguintes aos cursos de 3º a 6º de primaria, de 1º a 4º da ESO, e 1º e 2º de bacharelato.
Consistiu na doazón por parte do alumnado dos libros usados durante o presente curso escolar e na solicitude dos libros que o alumnado precise para o novo curso escolar 2013 -2014. Os libros tiñan que estar en bo estado de conservación, polo que foi fundamental concienciar e sensibilizar o alumnado e as familias no coidado dos libros e facer un bo uso deles durante o curso escolar.
A campaña é solidaria e universal, é dicir, intentará chegar a todas as familias participantes. As familias que doaron libros tiveron preferencia á hora de recibilos, pero ten que quedar claro, que no caso de non reunir o mesmo número de doazóns que de solicitudes, non se adquirirán dereitos, polo que, se repartirán os libros en función dun baremo equitativo que se acordou coas ANPAs.











