O auditorio de Vilagarcía acolle un concerto lírico coa Sinfónica do Norte de Portugal e un coro de 110 voces
O domingo 29 de setembro a partir das 21:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá un espectáculo moi especial destinado a conmemorar o douscentos aniversario do nacemento de Giuseppe Verdi e que se enmarca nos actos do Centenario de Vilagarcía. As obras máis representativas do que está considerado como o compositor de ópera máis importante do século XIX serán interpretada pola Orquestra Sinfónica do Norte de Portugal, dirixida por José Ferreira Lobo, e polas máis de 110 voces mixtas que compoñen o gran coro composto polos integrantes tres grandes formacións vocais de Galicia e Portugal: O Coro Liceo de Vilagarcía, o Coro Inés de Castro de Coímbra e o Orfeón de Vila Praia de Áncora.
A gala sinfónica coral do domingo representa unha oportunidade única para que os amantes da ópera poidan gozar das mellores composicións de Verdi e para que os profanos na materia se acheguen a este gran xénero musical a través das obras máis intensas do italiano. O espectáculo chega a Vilagarcía despois dos enormes éxitos de público que tivo nas súas dúas anteriores representacións en Portugal, a estrea en agosto en Amaranto e a posterior de Caminha.
O programa alternará irá intercalando temas sinfónicos con temas corais dos títulos operísticos máis relevantes de Verdi. De Nabucco interpretaranse a Obertura, “Gli arredi festivi” e “Va, pensiero, sull’alo dorate”. De Attila o Prelúdio e de Ernani “Si ridesti il leon di Castiglia”. Da famosa Aida a orquestra tocará a Obertura e o coro cantará “Gloria all’Egitto”. Na parte sinfónica tamén se inclúen as Oberturas de I Vespri Siciliani e de La Forza del Destino, así como o Prelúdio de Il Trovator. Por último o coro interpretará “Patria Oppressa” de Macbeth; “O Signore, dal tetto natio” de I Lombardi alla Prima Crociata e de Don Carlo, “Spuntato ecco il dì d’esultanza”.
Un espectáculo de envergadura
A Gala Verdi é un espectáculo dunha gran magnitude, tanto polo número de persoas que participan nel (unhas 160 persoas entre músicos e voces), como pola calidade das pezas a interpretar e tamén pola envergadura da montaxe. De feito o escenario terá unha embocadura de 17 metros de largo por 11 de fondo, no que se instalarán catro tarimas de 16 por 1 metro para a colocación das 110 persoas que compoñen o gran coro. Ademais utilizaranse 60.000 watios en iluminación.
O espectáculo de Vilagarcía será gravado pola Radio Galega.
Entradas a 6, 5 e 3 euros
As entradas para asistir á Gala Verdi véndense a 6, 5 e 3 euros a través de servinova (máis os gastos de xestión) e o día da función na billeteira do Auditorio a partir das 19:00 horas.











