O alcalde ourensán pide ao embaixador español en México que se converta en “correa de transmisión” para futuras oportunidades empresariais

O rexedor ourensán co embaixador
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, pregou hoxe aos representantes diplomáticos e empresariais no país centroamericano que se fagan cómplices” do potencial turístico de Ourense e que apoien o desenvolvemento termal “nun momento crucial para o despegue de grandes oportunidades de negocio”, como as inminentes licitacións de grandes espazos balnearios na cidade. No seu primeiro contacto mantivo unha reunión de traballo co embaixador español na súa residencia, e intercambiou información con importantes empresarios de orixe ourensano.
Ás poucas horas de aterrar en México, a delegación encabezada polo alcalde de Ourense comezou un intenso ciclo de reunións co obxectivo de deixar neste país unha mensaxe clara, o termalismo é unha aposta de futuro en Ourense e o momento dos investimentos é agora, segundo manifestou o embaixador de España en México, Manuel Alabart, a quen expresou un rogo claro en nome de todos os ourensanos: “quero pedirvos que vos convertades en transmisores das oportunidades termais inminentes na nosa cidade ante calquera posible investidor que acuda a vós neste país”.
Así, o alcalde de Ourense, que estivo acompañado polas concelleiras de Cultura e Educación, Ana Garrido, e de Turismo, Mónica Vázquez, explicou ao embaixador e a súa esposa, a viguesa Cristina Spottorno, os tres desenvolvementos de inminente licitación pública na cidade, no ámbito Das burgas e da marxe dereita do Miño, así como a importancia de que investimento privado internacional coñeza esta oferta e participe no seu desenvolvemento.
Neste primeiro encontro tamén estiveron presentes varios empresarios de gran relevancia en México de orixe ourensano.
Concretamente, Liño de Prado, natural de Celanova e presidente do grupo Inditex en México, e Daniel González, nacido na Peroxa, empresario do sector de hostalaría, que mostraron un enorme interese pola información sobre as próximas licitacións, unha vez completada a reordenación e en curso a expropiación da zona Das burgas, e comprometéronse a oficiar de correa de transmisión para que a comunidade investidora de México coñeza esta oportunidade.
Información
O alcalde e as representantes do goberno de Ourense deixaron en mans da Embaixada toda a información necesaria sobre os detalles dos próximos desenvolvementos termais ouresanos, tanto ao embaixador coma en mans dos agregados comerciais.
Neste sentido, completaron a súa actividade desta primeira mañá en México cun outro contacto informativo, concretamente con José Ángel Santamarina, director da oficina de Pexga, Plataforma de Exportacións de Galicia, nesta cidade. Este delegado comercial galego tamén recibiu de forma directa a información termal de Ourense, e acompañou posteriormente a delegación ourensana á misión diplomática.











