O alcalde de Lalín reúnese coa Directora Xeral de Tráfico en Madrid

Crespo na reunión coa Directora Xeral de Tráfico
O alcalde de Lalín sinala en relación ao tema máis importante que lle propuxo, a posibilidade de realizar en Lalín os exames de conducir, que “tendo todo ao noso favor, porque cumprimos con todo, neste momento a DGT está a preparar un informe exhaustivo de todos os centros autorizados en España para sacar o carné de conducir e que pretenden analizar as distintas condicións en que se atopan os mesmos para despois levar a cabo accións encamiñadas á optimizacións dos mesmos”. “Nese momento -subliña- cando o estudo estea feito, será cando se poda contemplar a posibilidade nun futuro de incorporar Lalín” “Entendo -di- as razóns dadas pola directora xeral para, unha vez que está pendentes de reestruturación determinados aspectos na DGT, haxa que esperar o momento para que se poida contemplar a posibilidade de nun futuro incorporar a Lalín” Crespo tamén propuxo a María Seguí obter da DGT a aprobación definitiva do regulamento do parque de educación vial e a posibilidade de asinar un convenio coa Xefatura Provincial de Tráfico para a realización de determinados trámites en relación co permiso de circulación e condución no propio Concello, cuestión sobre as que a directora xeral “ademais de mostrarse moi receptiva, indicoume que ía dar as ordes oportunas para axilizar a homologación definitiva do circuíto e para asinar o dito convenio canto antes”
O alcalde de Lalín, José Crespo, afirma que “estou moi contento e satisfeito da visita que hoxe realicei á directora xeral de Tráfico, María Seguí Gómez, descendente de galegos, que me tratou dun xeito moi cariñoso e afectuoso e que desde logo tiña estudado a fondo o asunto principal que hoxe lle propuxen -realización en Lalín dos exames para a obtención do carné de conducir-, xa que non fixo falla practicamente explicarllo”.
Un encontro que se desenvolveu en Madrid, no despacho da máxima mandataria de Tráfico, que deu comezo ás 12.00 h e que se prolongou por espazo dunha hora, “no que se trataron diferentes aspectos entre os concellos e a DGT”, sinala Crespo.
“Dos tres asuntos que lle levei relacionados con Lalín, o máis importante, sen dúbida é a realización dos exames para a obtención do permiso de conducir en Lalín”, incide. “Neste sentido, a directora xeral explicoume que tendo todo ao noso favor, porque cumprimos con todo, neste momento anuncioume que se atopaba preparando un informe exhaustivo de todos os centros autorizados para sacar o carné de conducir que hai en España e informoume que desde a DGT pretenden analizar as distintas condicións en que se atopan os mesmos para despois levar a cabo accións encamiñadas a optimización dos mesmos”, fai fincapé o alcalde lalinense.
“Nese momento cando o estudo estea feito, será cando se poda contemplar a posibilidade nun futuro de incorporar Lalín”, precisa. “Mentres tanto toca esperar a que se cumpran os tempos para a optimización do funcionamento do servizo en todo o país”, concreta.
Crespo puntualiza que “sobre se se podería dar unha data concreta da posta en servizo, subliña que a directora xeral “non se quixo arriscar a dar unha data exacta, pero si me afirmou que en canto teña posibilidade de viabilidade si mo fará saber”. “Ao respecto insiste en que “non quixo arriscarse a dar unha data concreta, polo feito de que se daba un data estimativa, puidese ser que aínda estivese sen rematar todo o proceso que quere levar a cabo de optimización do funcionamento do servizo de exames de tráfico en toda España”.
“Entendo -di- as razóns dadas pola directora xeral para, unha vez que está pendente de reestruturación determinados aspectos na DGT, haxa que esperar o momento para que se poida contemplar a posibilidade de nun futuro incorporar a Lalín”.
OUTROS TEMAS
O rexedor indica que no encontro con Seguí, que destacou pola cordialidade e trato exquisito en todo momento, “amosouse moi favorable a outras dúas cuestións que lle propuxen na dita xuntanza”.
Estes dous temas expostos polo rexedor a responsable da DGT foron: a aprobación, por parte da Dirección Xeral de Tráfico, do regulamento de funcionamento da instalación do parque de educación vial de Lalín, un regulamento que lle foi remitido á DGT a finais do mes de maio e que é preciso ter aprobación definitiva da DGT para que poida funcionar cumprindo unha finalidade educativa.
Por outra parte, Crespo expúxolle a María Seguí a posibilidade de que no Concello de Lalín, se podan facer, ao igual que se fai xa noutros municipios, trámites en relación co seu permiso de circulación e condución -como, por exemplo, o cambio de domicilio en canto a notificacións- sen ter que moverse do municipio de residencia; prestacións que se incardinarán mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xefatura Provincial de Tráfico e o Concello de Lalín e que optimizarán o servizo para os lalinenses, facilitando o proceso de tramitación e evitando desprazamentos e perdas de tempo.
Respecto a estes dous temas o munícipe lalinense destaca que a directora xeral de Tráfico “ademais de mostrarse moi receptiva, indicoume que ía dar as ordes oportunas para axilizar o antes posible a homologación definitiva do parque de educación vial e que non tiña inconvinte en asinar un convenio entre a Xefatura Provincial e o Concello para que os veciños de Lalín podan realizar trámites en relación ao permiso de conducir desde o Concello; ao respecto dixo que se trataría de asinar o dito convenio o antes posible”.
Por último o alcalde de Lalín recalca que “o trato recibido da directora xeral foi extraordinario; notábaselle que ten unha parte galega”, sostén. “Inviteina a visitar Lalín para que coñeza en primeira persoa as excelencias do noso pobo e contestoume que aceptaba con gusto e que virá cando llo permita a súa axenda”, conclúe.











