O alcalde de Cotobade procura solucións ante o incremento de alumnos con dereito a comedor no CEIP de Tenorio

Reunión do rexedor co delegado da Xunta en Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou esta mañá xunto ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, o inicio do curso nos centros educativos deste municipio en especial, co obxectivo de estudar a posibilidade de ampliar o número de alumnos do comedor do CEIP de Tenorio ante o importante aumento de demandantes. Na reunión tamén estivo presente o xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
O alcalde de Cotobade quixo aproveitar a reunión para agradecer ao delegado territorial e ao responsable da xefatura de Educación, a implicación da Xunta de Galicia na mellora dos CEIP de Tenoiro e Carballedo, “xa que permitiron poñer fin a importantes demandas das comunidades educativas de ambos centros”.
Por outra banda, durante a reunión, Jorge Cubela, deu traslado a Cores Tourís e Pérez Ares, dunha serie de cuestións pendentes nos colexios da localidade.
Deste xeito, destacou o alcalde o interese dos pais e nais dos alumnos do IES de Tenorio no mantemento da sección bilingüe deste centro. “Tamén a dirección do centro deume traslado desta demanda, xa que supón un impulso moi importante para a educación secundaria do municipio”, explicou Cubela.
Neste senso, César Pérez destacou que “a Xefatura territorial, a través da Inspección Educativa, vai facer o esforzo por manter esta sección, xa que somos conscientes da súa importancia”.
Ademais, o alcalde tamén solicitou un aumento do número de prazas no comedor do CEIP de Tenorio, “xa que o aumento dos demandantes deste servizo foi moi alto este ano”. En relación a esta problemática, desde a Xefatura territorial darase traslado ao IES desta parroquia da solicitude de traslado das prazas que quedan libres no servizo de comedor deste centro para que se poida dar solución ás demandas do colexio.











