O Adarve de Lugo vence no I Torneo de fútbol sala feminino de San Sadurniño
O mellor do fútbol sala feminino galego reuniuse este domingo en San Sadurniño para disputar o primeiro torneo dedicado a esta disciplina que se celebra no noso municipio. Foron tres equipos da liga provincial da Coruña e un cuarto da de Lugo que ofreceron durante toda a xornada un espectáculo de alto nivel e co Comarcal A Fervenza actuando como equipo anfitrión. Finalmente o trofeo da competición marchou baixo o brazo das luguesas do Adarve.
O torneo comezou ás 11 da mañá co duelo entre o Comarcal A Fervenza B e o Vila de Cee. Bo encontro para empezar a xornada no primeiro partido de pretemporada das de Ferrolterra, ante un conxunto recentemente formado como o Vila de Cee. As anfitrionas lograron impoñerse 4-0, demostrando a maior experiencia en conxunto sobre unha pista de fútbol sala. Marcaron neste encontro Andrea Rodríguez (2 goles), Natalia e Raquel Rodríguez.
O seguinte encontro enfrontou ao Adarve e ao Fisober B. O Adarve soubo impoñer o seu estilo de xogo desde o primeiro momento, afundindo ao novo equipo do Fisober B que pouco puido facer tras caer por 7-2. As de Lugo son xogadoras que na temporada pasada xogaban no equipo cadete do Casás, polo que a diferenza acabou sendo evidente sobre a pista. Marcaron polo Adarve Mariña (4 goles), Judit (2 goles) e Jennifer; mentres que polo Fisober B fixérono Laura e Inés.
Tralo descanso para xantar, a competición retomouse ás 16 h. co encontro entre o Fisober B e o Comarcal A Fervenza B. Nesta loita de filiais foron as de Vimianzo as que tomaron a iniciativa nos primeiros minutos. Chegaron a poñerse 2-0, pero A Fervenza logrou igualar o encontro e mesmo darlle a volta ata deixalo 2-3 ao remate do primeiro tempo. No segundo tempo foron de máis a menos. O Fisiober B reaccionou e con dous goles en poucos minutos sentenzou o encontro cun definitivo e sorprendente 4-3. Marcaron neste encontro polo Fisober B Noelia, Paula, Inés e María; mentres que polo Comarcal A Fervenza B fixérono Candea, Raquel Rodríguez e María.
O partido entre o Vila de Cee e o Adarve ratificou a boa forma das luguesas. O Adarve pouco lle deixou facer ao seu rival, incapaz de frear os seus arranques que case sempre remataron en gol. Ao final, 0-5 con tantos de Judit (2 goles), Esther, Jennifer e Mariña.
Despois deste partido disputouse un encontro de exhibición entre os equipos alevín e infantil do Comarcal A Fervenza, con vitoria por 3-0 do conxunto alevín sobre os seus maiores.
O torneo reanudouse co encontro entre o Comarcal A Fervenza B e o Adarve. Os primeiros minutos do partido foron igualados, pero co paso das xogadas as de Lugo impuxéronse sobre a pista. As da Fervenza intentárono con moitas ocasións que non deron concretado. O Adarve foi letal diante da porteiría e impúxose por un cómodo 1-4 que lles asegurou a victoria na competición. Marcou Andrea de Paz polo Comarcal A Fervenza B, mentres que Judit (2 goles), Helena e Mariña fixérono polo Adarve.
O último encontro deste torneo disputárono o Fisober B e o Vila de Cee. Encontro igualado desde o inicio ata o final, cun Vila de Cee que foi de menos a máis durante este torneo e cun Fisober B que viu como se lle podía complicar o encontro. O Vila de Cee logrou poñerse por diante no marcador xa mediado o segundo periodo. O gol fixo reaccionar as de Vimianzo e na recta final do encontro puideron darlle a volta ao marcador logrando a vitoria por 2-1. Marcaron Noelia e Inés para o Fisober B e Ana para o Vila de Cee.
Logo deste derradeiro partido entregáronse os trofeos. Foi un acto que se desenvolveu tamén en feminino. María Muíño -concelleira de Benestar- entregou o trofeo ao Vila de Cee como cuartas clasificadas; a presidenta do Comarcal A Fervenza B, Lali Mouriz, fixo o propio co seu equipo como terceiro clasificado; a técnica municipal de deportes Paula Varela entregoulle o trofeo de subcampioas ás rapazas do Fisiober B e a titular de Igualdade, Ana B. Breijo, entregoulle ao Adarve o título que as acredita como campioas do I Torneo de fútbol sala feminino Concello de San Sadurniño.
Esta competición organizada polo Concello e o Comarcal A Fervenza B, ten como finalidade a promoción do fútbol sala no municipio. Pero tamén responde a unha necesidade recollida no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, onde se marcou como obxectivo -entre outros- “promover o deporte feminino e favorecer a apertura das disciplinas deportivas ás mulleres, mediante o desenvolvemento de programas específicos en todas as etapas da vida e en todos os niveis”. O plan deseñado polo Concello abrangue todas as áreas de goberno e sinala como eixo de traballo a cooperación e coordinación entre elas en materia de igualdade. Desta maneira, as concellarías de Deportes e de Igualdade queren darlle pulo á práctica deportiva participativa máis que á competitiva e incentivar a creación de equipos femininos. Por outra banda tamén se quere apoiar -como neste caso- que as nenas e mozas practiquen deportes onde a súa representación é menor co fin de romper estereotipos de xénero.











