publicidade hoxe

Nos vindeiros días dará comezo as labores de mellora da AC-132 ao seu paso por Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalMugardosProvincias
A-
A+

A Xunta de Galicia iniciará na última semana de setembro os traballos de acondicionamento do firme nun treito da estrada AC-132 ao seu paso polo concello de Mugardos. Así llo trasladou hoxe a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ao concelleiro e voceiro do Partido Popular no municipio, Domingo Deus, co que mantivo unha xuntanza de traballo.

A actuación levarase a cabo nun treito de case un quilómetro da estrada entre A Gallada e o Seixo. En concreto, as obras realizaranse entre os puntos quilométricos 0+200 e 1+170, ao tratarse do tramo máis deteriorado, sobre o que se estenderá un dobre tratamento superficial. En total, a Axencia Galega de Infraestruturas destinará a este proxecto 32.700 euros.

Trátase duns traballos que foron consensuados co goberno local nunha reunión entre a delegada territorial e o alcalde, Xosé Fernández, onde a representante do executivo autonómico tamén se comprometeu a iniciar o proxecto para dotar á estrada AC-133 dunha senda peonil de 1,5 quilómetros de lonxitude.

Nesta estrada, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da xefatura territorial da Coruña, levou a cabo hai poucos meses traballos para reparar e acondicionar as gabias da marxe esquerda entre os lugares de Franza e Rilo, cunha achega de máis de 36.000 euros.

Segundo destacou Do Campo, todas estas actuacións servirán para proporcionar aos usuarios destas estradas unha forma de condución cómoda e segura e para reducir os riscos para os peóns, nunhas zonas que son moi transitadas.

Na mesma liña, a delegada territorial expresou a súa disposición de seguir estreitando a colaboración entre o Executivo galego e o concello para sacar adiante os proxectos que sirvan para mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños de Mugardos.

Coa nova actuación anunciada hoxe pola máxima representante da Xunta na provincia, dáselle continuidade ás labores que desenvolve o Goberno autonómico na AC-133, coa mellora das gabias noutros tramos a ambas marxes, que suman preto de 2 quilómetros de lonxitude e case 180.000 euros de investimento.

12 de setembro de 2013 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.