Nigrán acolle unha exposición sobre oficios tradicionais galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalNigrán
A-
A+

O Salón de Actos municipal acollerá desde o xoves 26 de setembro a exposición “Oficios e traballos en imaxes do pasado”, organizada polo Museo de Pontevedra no marco do convenio de colaboración en materia cultural cos concellos da provincia.

A riqueza cronolóxica e temática dos fondos fotográficos que se custodian no  Museo de Pontevedra, ademais de servir de base para innumerables investigacións, permiten dar a coñecer os máis variados temas da cultura galega.

A mostra, da que é comisaria Cristina Echave Durán, está integrada por unha selección de trinta fotografías, a través das cales o espectador poderá lembrar ou introducirse no coñecemento de como levaban a cabo as tarefas do campo e do mar, algunhas xa desaparecidas, outras  aínda  vixentes, pero con distintas connotacións e con medios máis modernos: sementar o millo, para logo esfollalo, ou as patacas, cos diversos traballos, como a escarda, os tratos de compra-venda nas feiras e mercados, faenas pesqueiras e conserveiras, oficios artesáns, a maioría deles ambulantes.

Esta mostra é hoxe unha realidade grazas aos testemuños deixados polas cámaras de fotógrafos anónimos e doutros máis profesionais, como Zagala, Pintos, Ferrer, Sarabia, Fernández de los Ríos ou Moreira, inmortalizando así diversos aspectos etnográficos da Galicia de finais do século XIX e das primeiras décadas do XX.

A exposición permanecerá aberta no Salón de Actos municipal até o vindeiro xoves 3 de outubro, en horario de 12.00 a 14.00 horas, pechando o sábado e o domingo.

25 de setembro de 2013 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.