Negreira presenta ás asociacións de veciños da cidade os avances do proxecto Coruña Futura
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado de Alfonso Vegara, presidente da Fundación Metrópole, presentou esta tarde ás asociacións de veciños os avances no proxecto Coruña Futura. O encontro serviu, ademais, para recoller as opinións e suxestións dos responsables veciñais. Seguindo co modelo participativo que dende un primeiro momento se aplica a esta iniciativa, o Goberno local organizou este encontro no Auditorio do Fórum Metropolitano co obxectivo de dar a coñecer os veciños as primeiras propostas de hipótese de modelo urbano e de proxectos estratéxicos que se concluíron tras a primeira fase de diagnóstico para sometelas á súa reflexión e debate. Tal e como destacou o alcalde, Coruña Futura é un proxecto aberto que orientará por onde hai que afrontar o futuro.
Este encontro súmase ao Foro Cidade, convocado en novembro de 2012, que contou coa participación de 188 persoas representativas de todos os ámbitos da sociedade coruñesa; ás seis sesións celebradas en maio de 2013 nas que se presentaron estes proxectos e hipótese a 263 cidadáns dos medios de comunicación, Corporación municipal, asinantes do protocolo de colaboración, alcaldes dos municipios da área, autoridades e participantes do Foro Cidade; e á ducia de encontros sectoriais e profesionais mantidos. Ademais, o Concello recorda que todos os cidadáns interesados en coñecer o proxecto e achegar ideas ou suxestións, poden facelo a través da web www.coruna-futura.es.











