publicidade hoxe

Navia acometerá con fondos provinciais o arranxo das estradas tras o incendio que asolou ó municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLugoNavia de SuarnaProvincias
A-
A+

A Deputación colabora co Concello de Navia de Suarna na posta a punto das estradas do municipio tras o incendio forestal que queimou 280 hectáreas de monte. Dúas máquinas do Parque Móbil da institución provincial están xa a traballar en tarefas de limpeza e acondicionamento que eviten que as choivas causen maiores danos nas vías tanto municipais como provinciais deste Concello.

As máquinas da Deputación están a realizar tarefas rebacheo e acondicionamento do firme das estradas tendo en conta o estado das mesmas tralo incendio. Así mesmo, este operativo composto por persoal da institución provincial e máis municipal acometerán a limpeza das cunetas e beiravías nas que retirarán maleza e outros elementos para asegurar que en caso de chuvias non se acumule a cinza e os restos do incendio, provocando maiores problemas.

Esta colaboración prodúcese despois de que a Deputación e o Concello amosasen a súa preocupación polas consecuencias que o grave incendio destes días poida ter no estado das estradas no municipio. A cinza e a maleza queimada poden descender pola ladeira do monte e acabar nas cunetas e beiras das estradas provocando que se acumule a auga e incluso cause desprendementos e inundacións nalgúns puntos. Ante esta situación Concello e Deputación están xa a actuar limpando e preparando as estradas antes das primeiras chuvias do outono que se prevén para os vindeiros días.

Tremendo impacto ecolóxico do incendio

O Concello de Navia de Suarna agradece a colaboración da Deputación ó tempo que critica o traballo de prevención da Xunta no monte. José Fernández considera que o Goberno de Feijóo non acometeu as tarefas necesarias para previr incendios. O Rexedor salienta que, de ter cortalumes e estar o monte máis limpo de maleza, se houbera evitado a magnitude do incendio que arrasou 280 hectáreas, parte delas pertencentes ós montes dos Ancares. José Fernández insiste no valor ecolóxico deste espazo natural e pide maior implicación da Xunta na loita contra incendios no referido a prevención.

5 de setembro de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.